
No pleno da corporación municipal de Gondomar celebrado onte, aprobouse por unanimidade instar á Xunta de Galicia a poñer en marcha diferentes medidas para paliar a situación económica derivada da invasión de Ucraína. Entre outras se insta ao goberno autonómico a rebaixar as peaxes das autoestradas de titularidade autonómica, unha redución nas taxas da inspección técnica de vehículos (ITV) ou unha rebaixa substancial nas taxas portuarias entre outras medidas que permitan ás familias e ás empresas de Gondomar reducir o impacto do incremento dos prezos, derivados principalmente da invasión rusa en Ucraína. Nesta mesma moción, presentada polo grupo socialista e que contou co apoio do resto de grupos, tamén se insta ao Goberno de España á redución de peaxes e taxas en autoestradas e portos da súa competencia.
Por outro lado o pleno aprobou, co único voto en contra da representante do BNG, a solicitude do goberno local de adherirse á Rede Española de Cidades Saudables, da que xa forman parte outras cidades e vilas galegas como Vigo ou Pontevedra. En palabras do rexedor, Paco Ferreira, con esta incorporación, “Gondomar súmase ás cidades comprometidas coa saúde e a mellora do sistema sanitario público dentro das premisas marcadas pola OMS”. Así mesmo o alcalde anunciou que esta adhesión “permitirá ao Concello de Gondomar optar a diferentes convocatorias e liñas de axudas que beneficiarán a toda a cidadanía e mellorarán a súa calidade de vida”.
No pleno ordinario de onte tamén foron aprobadas outra serie de mocións. Nunha delas se acordou instar á Deputación a acometer traballos de mellora nas beirarrúas na estrada Gondomar-Chaín. Durante o debate desta moción o alcalde indicou que “o goberno local está en contacto permanente coa administración provincial para liquidar as deficiencias nesta estrada pero que o Concello de Gondomar non pode actuar directamente nunha estrada da que non é titular”.