Baiona celebra o IV Open de Pesca Submarina con 60 inscritos

Este martes tivo lugar a presentación do IV Open Vila de Baiona de Pesca Submarina, organizado polo Club Subacuático Pérez-Sub, un dos máis antigos e numerosos de Galicia, e que conta coa colaboración do Concello de Baiona. No acto estivo presente o Alcalde, Carlos Gómez, e a directiva do club organizador.

A proba celebrarase o sábado 9 de abril, en augas de Cabo Silleiro, desde as 9:00 da mañá ata as 14:00 horas da tarde. Cinco horas na auga onde os máis de 60 deportistas inscritos competirán para conseguir o maior número de pezas e as máis grandes. A proba está dividida en catro categorías, sénior, veteranos, feminina e sub23, tendo trofeo os tres primeiros de cada categoría e así mesmo tamén se entregará un trofeo á peza maior conseguida neste campionato e ao vencedor absoluto.

Como en anos anteriores contarán coa presenza de mergulladores chegados non só de Galicia, senón doutros puntos da xeografía española, como Asturias, Cantabria, Andalucía e Madrid. E contará con participantes cun gran palmarés: todo un campión do Mundo, Antonio Linares; ou o equipo formado por Antonio Barreiro, Segundo Morante e David Penedo, que se proclamaron campións de España en Tenerife e que forman parte do club organizador; así como a vixente campioa galega feminina, Sandra Osorio, tamén integrante do Pérez-Sub.

Como en anos anteriores, todas as capturas serán doadas a unha obra social, este ano á ONG baionesa “Ayuda al Mundo Necesitado”.

O 9 de abril ás 9:00 da mañá entrarán no mar todos os deportistas para unha xornada de 5 horas de auga. Posteriormente procederase ao peso e tallaxe das capturas e a entrega de trofeos e unha comida de confraternización entre todos os deportistas no Club Social de Baredo. Durante toda esta fin de semana serán numerosos os deportistas e os seus familiares que visiten Baiona para poder participar o sábado nesta competición que xa é todo un clásico no circuíto de campionatos de pesca submarina de Galicia.