As empresas lideradas por mulleres, protagonistas esta fin de semana en Baiona

O Multiusos de Sabarís acolleu no mediodía deste sábado a presentación do programa “Elas Emprenden”. Durante o acto interveu a concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira, a artista local coordinadora do proxecto, Irene Silva, e o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez. O broche final púxoo Mónica Sueiro, directora da Aula de Teatro de Baiona, coa súa actuación “Subterránea”, unha acción escénica que reivindicou y visibilizou a figura de moitas artistas da pintura que foron silenciadas ao longo da historia.

Tras a representación teatral, o Alcalde e a concelleira visitaron cada un dos stands onde se expoñen os diferentes traballos e as experiencias diversas ofrecidas polas profesionais participantes desta novidosa proposta. Así coñeceron de primeira man o traballo de Noa Rodríguez, artífice de La Piña Colada; Fe González de Areladefe ofrece unha fermosa proposta de xoiería; Noelia Muíños e Ramón Quintas que conforman Papelier; Cris Grande, Silvia Álvarez e Olalla Fernández de Espazo Creativo ÑO!; Eva Vázquez de Modular Arquitectura; Ana Iglesias, a soñadora detrás de Peitana Moda; a actriz e directora de escena Mónica Sueiro; Cristal Méndez de “Maga de Voz”; e Patricia Cela, unha importante luthier á cabeza de Cella Luteria Artesanal, que acompañará virtualmente o proxecto “Elas Emprenden”.

“Elas Emprenden” é un escaparate feiral para actividades de empresas lideradas por mulleres que desenvolven o seu traballo no Concello de Baiona principalmente. Os obxectivos entre outros son promover a igualdade de oportunidades, darlle visibilidade ao talento do liderado feminino, xerar oportunidades de promoción e recoñecemento ás protagonistas. O programa de actividades, organizado pola Concellería de Igualdade co Centro de Información á Muller no marco da “Primavera Lila” e subvencionado pola Deputación de Pontevedra, está aberto ao público en xeral e conta con encontros coas protagonistas, música en directo, obradoiros, teatro e unha pasarela de moda.

O programa continúa o domingo e contempla dous obradoiros, un de estampaxe para todas as idades ás 11:00 da mañá, no que os asistentes poderán elaborar unha peza utilizando técnicas básicas de estampaxe e decoración sobre tela que despois levarán como recordo de “Elas Emprenden”, e outro de “Lettering” ás 18:00 horas, a cargo de Noelia Muíños e Ramón Quintas, de Papelier. Para participar en ambas as dúas actividades non é necesaria a inscrición previa, basta con presentarse no lugar á hora sinalada.