Dermatólogos de Ribera Povisa lembran que a alopecia areata é máis frecuente en nenos e adultos novos

A dermatóloga de Ribera Povisa e responsable da Unidade de Alopecia, Iria Montero, asegura que a alopecia areata “afecta, nalgún momento da súa vida, ao 2% da poboación” e non distingue entre sexos e idades. De feito, “é máis frecuente en nenos e adultos novos”. Sitúa ademais entre un 10 e un 20% a incidencia familiar, aínda que o estrés e as infeccións “poden actuar como causantes”.

A alopecia areata é un tipo de alopecia non cicatricial de orixe autoinmune, o que significa, segundo explica a doutora Montero, que “noso propio organismo, por erro, ataca a células do folículo piloso, provocando inflamación na zona e a caída brusca do pelo”. De feito, o 30% asóciase a algunha enfermidade autoinmune, engade, “e o pelo non volverá crecer ata que eliminemos esta inflamación localizada”.

A doutora Irene Latour, xefa de Servizo de Dermatoloxía do Hospital Universitario de Vinalopó, insiste en que “afecta tanto a homes como a mulleres”. Mesmo, engade a doutora Almudena Monteagudo, xefa do Servizo de Dermatoloxía do hospital de Denia, trátanse algúns casos de bebés, aínda que non son frecuentes.

Latour detalla que “a máis común é unha única placa redondeada sen pelo e sen inflamación do coiro cabeludo, coñecida como alopecia areata focal. Pero tamén é frecuente a aparición de varias placas pequenas, neste caso é coñecida como multifocal, e nun pequeno número de casos pode chegar a perderse todo o cabelo do coiro cabeludo, o que coñecemos como alopecia areata total ou mesmo pode afectar as cellas, pestanas e corpo, que chamamos alopecia areata universal”.

Ademais, hai factores que inflúen na súa aparición. “Aínda que non é unha enfermidade hereditaria, si pode haber certa tendencia familiar, en xeral compartida por outros procesos autoinmunes, por exemplo o hipotiroidismo autoinmune”, explica a doutora Monteagudo.

Sobre o tratamento, evolución e seguimento destes pacientes, a doutora Montero asegura que adoita ser “moi imprevisible” e xeralmente cursa en brotes “de maior ou menor duración”. “O tratamento deste tipo de alopecia decídese en función da idade do paciente, a extensión e do tipo de evolución da alopecia”, e engade que, a día de hoxe, “existen opcións terapéuticas que axudan á repoboación en moitos pacientes”. Os tratamentos máis usados adoitan ser os corticoides tanto tópicos, como inxectados e orais, pero en casos moi extensos, explica a responsable da Unidade Capilar de Ribera Povisa, “pódense usar outros fármacos inmunosupresores como a ciclosporina, o metotrexato ou a azatioprina. Mesmo usamos inmunoterapia de contacto con difenciprona”.

A doutora Monteagudo, pola súa banda, asegura que “en máis do 90% dos casos o tratamento médico obtén bos resultados, aínda que algúns necesitan varias sesións e durante o primeiro ano o risco de recaídas en maior”. “A alopecia areata é unha enfermidade relativamente frecuente en Dermatoloxía. Co tratamento adecuado pódese conseguir unha resposta satisfactoria na gran maioría dos pacientes, aínda que xeralmente precisarán de seguimento e varias sesións, explica.

Ambas coinciden en que o impacto da alopecia areata nos pacientes e na súa calidade de vida é importante. “Como a maioría dos tipos de alopecia, produce unha sensación moi grande de inseguridade nos pacientes, afectando as súas actividades da vida diaria e á súa relación con outras persoas”, explica a doutora Montero. Para as mulleres, por exemplo, engade a doutora Monteagudo, “o pelo ten gran importancia e na fase de caída, este tipo de alopecia xera unha gran ansiedade a case todas as pacientes”, e matiza que outra zona de alto impacto son as cellas e, nos homes, a barba.