A Comunidade de Montes de Couso, nomeada aos premios Elinor Ostrom Award 2021

Vén de recibirse en Couso a comunicación oficial na que anuncia que foi elixida como nomeada para concorrer ao premio internacional Elinor Ostrom. Este premio bianual, dotado con 7000$, foi creado para honrar e desenvolver o legado de Elinor Ostrom, a primeira muller en recibir o Nóbel de Economía. O premio ten como obxectivo recoñecer e promover o traballo de entidades, profesionais investigadores novos e experimentados ou académicos, implicados no ámbito da xestión comunitaria. De acordo co gran legado de Ostrom.

A Nóbel de Economía 2009, estudou o funcionamento das prácticas ou hábitos cooperativos na xestión económica, que preservan os recursos naturais e evitan a destrución do medio ambiente. O abano de potenciais postulantes mundiais ao Premio, era amplo, incluíndo traballos académicos e experiencias aplicadas sobre os bens comúns tradicionais (bosques, masas de auga, prados, pesqueiras, etc.). Tamén experiencias de entidades locais na xestión de recursos comúns coma bosques, concas hidrográficas, pesca e costas, etc. Pero tamén bens comúns globais ou inmateriais coma o coñecemento, cultura…

Na carta remitida polo Comité Organizador, radicado nos EEUU, cualifícase o traballo desenvolvido nos últimos anos, e o que se está a facer pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Couso, coma de marabilloso, textualmente: “The work you have done and are doing is wonderful”. “Supón unha gran ledicia poder seguir o ronsel da profesora da UCLA que se encargou de investigar e analizar coma os grupos e o asociacionismo podían cooperar para resolver problemas en común”, sinala o seu presidente, Xosé Antón Araúxo.

O xurado destaca que os nomeados posuían proxectos excelentemente cualificados, que fixo moi difícil a elección dos finalmente premiados. Na mesma carta anima á CVMMC de Couso a postularse de novo para o 2023. “A CVMMC de Couso está moi leda e moi satisfeita de ter sido nomeada por este prestixioso premio internacional que promove a investigación sobre a xestión dos bens comúns, a acción colectiva e a gobernanza do común. De ter sido recoñecida por termos contribuído a abordar os retos medio ambientais no mundo”, engade Araúxo.

“De ter acadado o premio sería un magnífico combustible para poder activar proxectos da parroquia que agardan por financiamento e están represados por falta de recursos. Infelizmente as iniciativas de xestión común, non teñen a liquidez ou acceso ao financiamento que si ten a iniciativa privada, nin posúen o suficiente apoio dos organismos públicos. Este recoñecemento internacional é un aval á solvencia do traballo e dos proxectos que se impulsan desde a parroquia de Couso”, conclúe o presidente dos comuneiros.