O servizo de Cardioloxía do Álvaro Cunqueiro dirixiu un estudo internacional de gran impacto na especialidade

O servizo de Cardioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro, dirixido polo doutor Andrés Íñiguez, vén de realizar un estudo internacional que acaba de ser publicado na revista científica Journal of American Collegue of Cardiology, unha das máis prestixiosas e de maior impacto na especialidade a nivel mundial.

Nesta investigación, coordinada dende a sección de hospitalización coordinada polo doutor Emad Abu Assi, participaron un total de 15 hospitais de todo o mundo. O obxecto do estudo era identificar aqueles pacientes que poderían beneficiarse de ser sometidos a unha reparación valvular mitral percutánea, dado que trátase dun procedemento que se leva a cabo en pacientes de moi alto risco cirúrxico.

O primeiro autor do estudo, o cardiólogo Sergio Raposeiras explica que “por ese motivo, os cardiólogos de hospitalización trataron de buscar unha escala que lles axudase a seleccionar correctamente aos pacientes que poden obter una maior beneficio derivado do procedemento. Así, cunha escala baseada en 8 ítems sinxelos, denominada MitraScore, se identifica eses perigos catalogando aos pacientes con niveis de risco baixo, moderado e alto risco”.

Para este estudo utilizouse un rexistro internacional con máis de 1000 pacientes. O coordinador dese rexistro tamén é un cardiólogo do Álvaro Cunqueiro, Rodrigo Estévez, que tamén encargouse de realizar unha validación da escala Mitrascore nunha poboación de pacientes italianos, confirmando os bos resultados obtidos nese grupo.

Un cento de procedementos anuais

A reparación valvular mitral percutánea é un procedemento de recambio da válvula que se aborda a través dunha picada na femoral, sen necesidade de abrir ao paciente, evitando así os grandes cortes ou incisións. Sen embargo, require dunha correcta selección dos pacientes. Está indicada naqueles enfermos cun corazón con pouca forza ou con moi alto risco para afrontar unha operación convencional.

Anualmente, os especialistas en cardioloxía do Álvaro Cunqueiro realizan un cento destes procedementos, sendo un dos centros de referencia a nivel nacional e europeo neste procedemento.

Elite da investigación nacional e europea

Esta investigación supón a terceira publicación en Journal of American Collegue of Cardiology en menos de 1 ano, o que coloca ao servizo de Cardioloxía na elite da investigación cardiovascular nacional e europea.

Segundo o doutor Raposeiras “nos último tempos experimentouse un impulso dende a xefatura do servizo, dirixida polo doutor Andrés Íñiguez, que realizou unha firme aposta por unificar a actividade asistencial e a investigadora, conseguindo varias bolsas de intensificación para que diferentes especialistas poidan destinar unha porcentaxe do seu tempo a realizar actividades de investigación”. Esta aposta permitiu colocar ao servizo de Cardioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro como centro de referencia non só asistencial senón tamén investigador na cardioloxía nacional.