O PP de Nigrán cualifica de “tomadura de pelo” o anuncio da senda peonil da Areiña a Parada

O PP de Nigrán presentou en novembro do 2020 senllas mocións para a mellora real do trazado dos viarios de titularidade provincial Tarela-Camos-Chandebrito EP-2102 e Mallón-Areiña EP-2106. “Nese momento o Grupo Socialista votou en contra, xa que dixo que o proxecto estaba xa en marcha, e agora confírmase que o proxecto é unha simple senda peonil, algo claramente insuficiente despois de 50 anos de non facer practicamente nada nestes viarios. Realmente o Sr. González quérenos tomar o pelo, rexeitando a nosa proposta de instar á Deputación a realizar un verdadeiro arranxo dos viarios citados, cando ademais, votou a favor diso en abril do 2019”.

Para os populares, investir case 1 millón de euros de fondos públicos nun tramo peonil que comunica 13 vivendas da Areiña con Parada, é claramente insuficiente para mellorar a mobilidade dese viario. “Con eses fondos, expondo unha mellora do ancho do viario e a inclusión dunha senda peonil normal nunha das beiravías permitiría cubrir máis da metade do trazado completo nas zonas sen afección a vivendas, e cunha ampliación do orzamento, expor as melloras posibles nas zonas nas que ven afectadas vivendas”.

“Ademais -continúan desde o PP-, o 30% (300.000€) da obra farase cargo o Concello, o colmo… e por encima o Sr. Alcalde dio todo contento (inconcibible), cando esta estrada é competencia e propiedade da Deputación de Pontevedra, unha estrada cuxo ancho de vía, nalgúns tramos non permite pintar a medianeira polo estreita que é, con puntos negros coñecidos por todos os veciños como os da Parada, Carrasca, ou San Pedro”.

“En resumo, con algo máis dese diñeiro investido nunha mellora do ancho do trazado, sería unha verdadeira solución para mellorar a mobilidade, facéndoo menos perigoso para os peóns e máis seguro para a circulación dos vehículos. Pero isto A quen lle importa?, o que importa é saír na foto anunciando obras, aínda que teñan un custo inxustificado e representen un escaso beneficio para a maioría dos veciños”, conclúen os populares.