Sin categoría

Baiona presenta a terceira edición da “Primavera Lila”

O Multiusos Mercado de Sabarís acolleu o acto de presentación da “Primavera Lila”, a programación deseñada pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona e a dirección do CIM con motivo do 8M, Día Internacional da Muller. Na presentación, a concelleira de Igualdade, Yasmina Moreira Costas, deu a coñecer as novas actividades que se idearon para a programación deste ano.

Entre os meses de marzo e maio levaranse a cabo toda unha serie de actividades que forman parte dunha programación que co 8 de marzo como escenario, a concelleira lembra “a importancia que ten traballar a diario en favor da igualdade en base a políticas que ofrezan respaldo a mulleres como as que se recollen no Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes do Concello de Baiona 2019-2023.” Accións que sexan tamén extensivas a toda a cidadanía porque “ a igualdade é cousa de toda unha sociedade” e é preciso traballar en conxunto con estratexias que abarquen a todas as idades e colectivos, con accións específicas para cada sector “e que todas teñan un fío condutor, unha sociedade comprometida coa igualdade”.

Por iso, desenvolveranse diversas actividades cuxo obxectivo xeral é promover a consecución da igualdade real e efectiva entre as mulleres e os homes no ámbito escolar e cultural e previr a violencia de xénero. Aplicando a transversalidade de xénero, sen limitarse a un so contexto ou plano de actuación, para traballar na sensibilización en Igualdade e a prevención da violencia machista desde os distintos campos, a “Primavera Lila” integra toda unha serie de actividades enfocadas a distintos tipos de públicos.

Mañá, 8M, o CEIP Belesar ás 10:30 horas e o CEP Sabarís, ás 13:00 horas, acollerán o contactontos “Cores e persoas”. O venres, 11 de marzo, ás 19:30 horas no Centro Multiusos de Sabarís, o doutorando Víctor Miguel Fernández, Máster en Dirección Internacional de Turismo, ofrecerá unha conferencia que ten por título “Fálame delas. Mulleres na historia do turismo de Baiona”. O sábado 12 de marzo, ás 20:00 horas no Auditorio V Centenario, terá lugar a representación teatral “Invisibles”, e o domingo, 13, ás 18:00 horas, no Centro Multiusos de Sabarís representarase para o público infantil “A nena que quería navegar”.

No mes de abril, o 2 e o 3, poñerase en marcha o proxecto “Elas emprende”, galería de propostos. O sábado 9 de abril realizarase un “escape room” de igualdade e prevención da violencia de xénero polo Casco Vello de Baiona baixo o título “Rexeita o Maltrato”. O 23 de abril no Centro Multiusos Mercado de Sabarís proxectarase para o público infantil “Valentina” en dobre sesión, ás 17:00 e ás 19:00 horas.

Xa no mes de maio poderase desfrutar da exposición “Primeiras xornalistas”, do 10 ao 20 de maio, no salón de actos do CPI Cova Terreña.