Nigrán ofrece o sábado no Auditorio Municipal o espectáculo de monicreques “Cousas da Casa”

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 5 de marzo ás 18:30 horas no Auditorio Municipal o espectáculo de monicreques familiar “Cousas da Casa”, a cargo da compañía de Mondoñedo “Micromina”. A obra encádrase na programación especial do Concello polo 8-M, Día Internacional da Muller, e está financiada polo Ministerio de Igualdade a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. A entrada é de balde ata completarse o aforo.

“Cousas da Casa” realiza un percorrido por aqueles conceptos que nos permiten reflexionar acerca da igualdade entre mulleres e homes nos distintos ámbitos, con especial énfase na reincorporación profesional da muller despois de ser nai e a corresponsabilidade do home como pai nos coidados do novo membro da familia, bebé .

Resto da Programación

Do 11 de febreiro ata o 11 de marzo. Exposición “Bravxs: mulleres científicas, investigadoras e inventoras” Consta da ilustración de dez caras de mulleres relevantes no ámbito científico a cargo de Marta Riera e da súa correspondente biografía. Irase rotando nos seguintes centros educativos: I.E.S. Val Miñor, I.E.S Escolas Proval, C.E.P.I. Arquitecto Palacios. A iniciativa conta coa colaboración da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e o cofinanciamento da Federación Española de Municipios e Provincias.

Contacontos:

Xoves 3 de marzo: C.P.I Da Cruz-Camos e C.P.I. Ángel de la Guarda: Contos vellos novos finais, a cargo de Caxoto. Diagnosticando a igualdade.

Venres 4 de marzo: C.P.I. Arquitecto Palacios e C.P.I. Carlos Casares: Contos vellos novos finais, a cargo de Caxoto. Diagnosticando a igualdade.

A actividade é un espectáculo de narración oral, no que se abordarán contidos relativos á igualdade laboral (teito de cristal, fenda salarial, reparto laboral segundo o sexo…)

Martes 8 de marzo: Iluminaranse de cor violeta lugares emblemáticos e colgarase unha pancarta alusiva ao 8M no balcón do edificio consistorial.

C.P.I. Humberto Juanes: “Cinema de historias da man de Alice Guy. A nai do cinema ”, a cargo de Raquel García Rodríguez (Raquel Queizás). Realizaranse dúas sesións. A actividade mestura a narración co teatro e o cinema ao redor da figura de Alice Guy-Blanché, primeira persoa en dirixir un filme de ficción, pioneira nos efectos especiais e na linguaxe cinematográfica (planos, iluminación, atrezzo, caracterización…), fundadora do que máis tarde se denominaría produción executiva. Tamén foi actriz, guionista, deseñadora de vestiario, cámara, cómica e maga.

Mércores, 9 de marzo: C.E.I.P. Mallón. Cartas con ciencia a cargo de “Donde viven los cuentos”. O fío condutor da actividade serán as cartas recibidas por Elena Ojea, veciña de Nigrán e licenciada en Ciencias Ambientais que recibiu o premio Muller Científica do IES Val Miñor. Darase a coñecer a súa figura como muller relevante na ciencia, a través de proxectos coma o Future Oceans Lab na Universidade de Vigo, un grupo de investigación sobre sistemas mariños e cambio climático. Cada carta terá coma remitente unha muller galega científica, poñendo en valor a súa profesión e loita pola igualdade.

Xoves, 10 de marzo: Escola Infantil “As Dunas”: “As gafas violetas” a cargo de Voltereta e Volvoreta.

Domingo, 13 de marzo: Actuación musical “O Benquerer(se)”. No Auditorio Municipal ás 19:00 h. a cargo de Aldaolado. Neste espectáculo as poetas Lucía Aldao e María Lado mesturan poemas, música e historias para facer visibles as desigualdades que as mulleres seguimos atopando na nosa vida pública e privada. Cun afiado sentido do humor, Aldaolado falan do patriarcado, do feminismo, da discriminación de xénero, do concepto do amor romántico, do amor a unha mesma e de todos aqueles temas cos que van tropezando no seu camiño cara o empoderamento. Para isto parten de experiencias propias que aparecen nas historias e poemas, pero tamén chaman por mulleres que marcaron a nosa historia.