
Os profesionais da Área Sanitaria de Vigo veñen de realizar con éxito unha intervención multidisciplinar, de gran complexidade, nos quirófanos do hospital Álvaro Cunqueiro. Así, grazas á colaboración de especialistas de cinco servizos cirúrxicos -Uroloxía, Cirurxía vascular, Cirurxía xeral, Cirurxía cardíaca e Anestesia- conseguiron extirpar un tumor maligno de ril de gran dimensión, que chegaba ata o corazón. Ademais destas especialidades cirúrxicas participaron tamén a Unidade de Radioloxía Intervencionista e os servizos de Radioloxía e Cardioloxía. En total, ata unha vintena de profesionais estiveron no quirófano, xa que ademais dos especialistas, hai que engadir ao persoal de enfermaría, perfusionista, técnicos de imaxe diagnóstica e celadores.
Caso singular
A singularidade e excepcionalidade deste caso radica tanto na patoloxía do paciente como no seu tratamento. O paciente, un home de Vigo de 64 anos, presentaba un tumor maligno no ril dereito que infiltrouse pola vea renal, ocupando toda a vea cava e veas do fígado, chegando ata a aurícula dereita do corazón. Segundo o coordinador desta intervención, o urólogo Benito Rodríguez, “trátase dunha patoloxía moi infrecuente polo que a abordaxe cirúrxica presentaba gran complexidade, precisando dunha intervención multidisciplinar. Isto foi posible grazas a dispoñer, ademais dos recursos humanos, dunha importante dotación tecnolóxica no hospital Álvaro Cunqueiro”. No momento actual, o paciente está xa dado de alta hospitalaria e evoluciona sen complicacións.
Cirurxía de alto risco e traballo en equipo
A operación, que prolongouse durante 8 horas, consistiu na extirpación radical do ril dereito e do trombo tumoral da vea cava e da aurícula dereita. Para isto, os especialistas tiveron que abrir a aurícula, para extraer o tumor, e posteriormente realizar a reconstrución da vea cava. Foi necesario empregar o sistema de circulación extracorpórea, no que unha máquina realiza a función do corazón. Deste xeito, conéctanse as veas e arterias principais do paciente ao equipo electrónico, que recibe o sangue, o osixena e despois o devolve ao organismo.
Os profesionais amosan a súa satisfacción polo éxito desta intervención e poñen en valor que foi o resultado dunha acción conxunta multidisciplinar. “Tratouse dunha cirurxía de alto risco e moi esixente, que só foi posible grazas a un bo traballo en equipo, que requiriu dun gran esforzo colaborativo, de gran coordinación e dunha rigorosa labor previa de planificación”, asegura o doutor Rodríguez.