A Comunidade de Montes de Peitieiros autorizou o depósito dos restos da limpeza de camiños

Tras a denuncia feita polo Partido Popular de Gondomar na que acusaba ao Concello de verter entullos procedentes da limpeza das beiras de varios camiños en varios puntos da Comunidade de Montes de Peitieiros, desde a Xunta Reitora desta Comunidade de Montes lamentan que a portavoz popular, Paula Bouzós, poña en dúbida o seu bo facer sen poñerse en contacto con eles previamente para contrastar a información.

Segundo explica Álvaro Lores, Secretario da Comunidade de Montes de Peitieiros, os materiais son terras e material vexetal das cunetas da parroquia, sen formigón, cemento, asfalto ou outro material non apto. Así mesmo, asegura que a Concellería de Vías e Obras do Concello de Gondomar pediu permiso para poder depositar os devanditos materiais e a Xunta Reitora aceptou polo ben común e porque tiña onde incorporalos e non prexudicaban á Comunidade de Montes.

Finalmente, recordan que os carteis de sinalización existentes teñen como fin evitar verteduras que sexan incontroladas, non sendo este o caso.

2020-05-26 - PEITIEIROS 3

Anuncios