O Okofen afianza o seu liderado na Liga de Inverno Baitra J80

Espectacular xornada a que se viviu este sábado en Baiona na terceira etapa da Liga de Inverno Baitra J80, coa que o campionato de monotipos que organiza o Monte Real Club de Yates cruzou o ecuador da competición.

Unhas fabulosas condicións meteorolóxicas, con sol, moi bo vento e algo de mar, permitiron a celebración das tres probas en programa, ofreceron á frota unhas condicións óptimas para a navegación e deron un bonito espectáculo na baía de Baiona, onde numerosas persoas congregábanse con motivo do Entroido.

A xornada tivo dous protagonistas indiscutibles: o Cansino de Alejandra Suárez, que brillou -e venceu- na primeira proba, completando o percorrido dunha forma moi sólida, sempre na cabeza e afastado dos seus rivais; e o Okofen de Javier de la Gándara, que non deu tregua aos seus rivais na segunda e terceira mangas, e afianzou o seu liderado na competición.

A aplicación dun descarte permitiulle eliminar o seu peor resultado (un terceiro) e cuns parciais de catro primeiros postos e un segundo nas probas celebradas ata o momento mantense na cabeza con seis puntos. Ao equipo de Gándara, no que seguen conformando o núcleo duro o seu fillo Jaime e Diego Fernández, sumouse este sábado outro gran regatista como é Iago Carrera.

Mantense, por tanto, o Okofen como gañador provisional da competición e non houbo cambios tampouco no resto de posicións, nin no podio temporal nin no Top 5. Tras os seis puntos do Okofen sitúanse, bastante agrupados en segunda, terceira e cuarta posición, o Alboroto de Juan Carlos Ameneiro (con 11 puntos), o Marías de Manel Cunha (con 14 puntos) e o Cansino de Alejandra Suárez (con 16 puntos). Algo máis distanciado (con 33 puntos), aparece no quinto posto da clasificación o Spaco de Santiago Estévez.

A Liga de Inverno Baitra J80, que volverá á auga coa cuarta xornada o próximo 5 de marzo, viviu este sábado un momento moi especial cando a frota, antes de empezar as probas, gardou un minuto de silencio polo falecemento da nai do vicepresidente do club, Alejandro Retolaza.

Foi a nota emotiva dunha xornada que tamén tivo o seu parte máis alegre e divertida grazas á tripulación do Pazo de Cea, que navegou todas as probas con disfraces de piratas e ondeando unha bandeira pirata no seu veleiro.