O PP denuncia que o Oral embarga as contas a veciños de Gondomar por recibos xa pagados

O pasado mes de decembro moitos veciños do Concello de Gondomar queixáronse de que estaban recibindo requirimentos do Oral pola falta de pago de varios impostos municipais, como o de Sumidoiros e Vados dos anos 2018 e 2019. Moitos destes veciños conseguiron demostrar que os tiñan pagados, presentando os seus xustificantes ante o Concello e ante o propio Oral.

Neste senso dende o Partido Popular de Gondomar presentaron un escrito por rexistro solicitando do alcalde que se paralizara de inmediato a xestión que estaba facendo o Oral dos recibos atrasados dos anos 2018 e 2019, ata que se fixera unha auditoría interna para esclarecer de xeito fidedigno as persoas que non abonaron os citados impostos e non reclamar as débedas ata que estiveran confirmadas fidedignamente, xa que moitos veciños non atopaban os xustificantes.

Segundo o PP, lonxe disto, nestes días moitos veciños atópanse coa sorpresa da notificación de embargos por parte do Oral, “xa que este organismo non recibiu notificación algunha por parte do Concello de que a débeda estaba cancelada”. “Dáse a casualidade de que todos os que están recibindo este embargo son os que presentaron a súa reclamación no Concello de Gondomar, ou que non puideron facelo ao non conservar os xustificantes de pago. Sen embargo, os que o xustificaron ante o Oral, non están sendo embargados xa que este organismo xa procedeu á cancelación da anotación”.

Paula Bouzós recorda que hai que ter en conta que moitos veciños incluso non van poder demostrar o pago de ditos recibos ao pagar por ventanilla e non conservar os xustificantes, pero na conta corrente do Concello si que tivo que ter entrada os cartos deses pagos, polo que dende o Partido Popular piden que se paralice todo o procedemento e se faga unha auditoría interna para esclarecer todo o sucedido, así como abrir un punto de información aos veciños afectados, para que os poidan informar, axudar a facer os trámites necesarios para cancelar a inexistente débeda, e rematar con todos os prexuízos que se lles está ocasionando.

“Moitos veciños viñeron a queixarse que debido a isto incluso chegaron a perder subvención ao non poder demostrar que non tiñas débedas coa administración, a pesar de estar ao día cos seus pagos. O alcalde non pode mirar para outro lado e debe darlle unha solución a todos estes veciños afectados que, sen culpa, se miran coas súas contas embargadas”, argumenta Bouzós.