Que os vigueses Broken Peach son unha das bandas galegas máis prolíficas está máis que demostrado. Tras pasar a friorenta cifra dos 2 millóns de reproducións coa súa particular versión do éxito “Tainted Love”, compartir o seu especial de Nadal e a súa conmemoración dos 100.000 subscritores en YouTube, calquera diría que xa non tiñan máis sorpresas na recámara. Tal vaticinio non pode estar máis errado; sobre todo se temos en conta que os vigueses acaban de dar un paso xigante a nivel creativo apostando polas súas propias composicións.
“Realmente isto leva preparado desde antes da corentena pero o COVID paralizou unha chea de proxectos como este e tivemos que esperar”, afirman os membros da banda. Cunha conxuntura máis favorable, Broken Peach acaba de publicar “I’ve Got The Fire”, a cal ten a súa homónima en castelán baixo o título de “Hai que gritar!”: o enésimo bombazo para os seguidores dun grupo que afacía facer unha versión, ata a data, temas en inglés.
A pesar da novidade, a banda conserva o seu estilo vándalo, positivo e cheo de enerxía no seu primeiro videoclip, que nos mostra as peripecias dunha curiosa cuadrilla de amigas. Rendendo un tributo nostálxico aos anos 80, poderemos ver influencias doutros revivals populares como Stranger Things ou Super 8, combinados cunha infinidade de influencias estéticas e cinematográficas.
Todo fai pensar que esta aventura dos galegos non vén soa e que en breve aparecerán máis cancións orixinais. Manterán o nivel? Haberá que velo.
Broken Peach é unha banda viguesa de Rock&Soul fundada en 2010. Tras 12 anos de existencia visitaron todo tipo de escenarios: desde concertos privados, ata festivais internacionais, pasando por estudios de televisión ou eventos deportivos. A súa canle de YouTube ten máis de 189.000 subscritores e nalgún dos seus vídeos conta mesmo con máis de 7 millóns de visualizacións (máis de 29 millóns en total). A súa estética grupal e extravagante adoita ser a “marca da casa” que lles caracteriza.

