
O Partido Popular considera que o orzamento para 2022 que presenta o goberno local de Baiona despreza aos veciños máis necesitados ao reducir á metade a partida destinada a Emerxencia Social e, precisamente, faio nun momento no que a necesidade económica das familias é máis perentoria pola subida dos prezos e a incidencia da pandemia no mercado laboral. Segundo os populares, o tripartito reserva para actuacións imprevistas dentro do departamento de Benestar Social a cantidade de 20.000 euros, a metade que o ano pasado, “e fano porque suprimen programas tan necesarios como o da pobreza enerxética cando o recibo da luz está máis disparado que nunca, para equipamento e comedor escolar ou terapia psicolóxica para familias”.
“Pola contra, este tripartito si aposta polas grandes empresas e pola privatización de servizos. Pode comprobarse en partidas como a da limpeza viaria, entre outras, que se incrementan notablemente mentres, casualmente, dos traballadores que financian a través do Plan Concellos para este 2022 ningún deles será destinado a esta área. Como ocorre noutros concellos da contorna e tamén no Concello de Baiona ata a chegada deste goberno local, unha parte importante destes empregados sempre se derivou a tarefas de limpeza viaria e, neste caso, todo parece indicar que non será así e que se executarán cunha contratación externa. Chama a atención o silencio dos concelleiros do Bng, que cando están fóra da cadeira de brazos tanto critican a privatización e cando gobernan están a favor”, pon de manifesto o grupo municipal popular.
“Tampouco hai partida neste orzamento para 2022 para a Relación de Postos de Traballo (RPT) que dá estabilidade ao persoal de empregados do Concello pero si se multiplica o diñeiro que se gastará en propaganda creando novas partidas para publicidade, asesores e en luces de Nadal para este ano. Se en 2020 o custo da iluminación do Nadal xa foi maior que o de 2019, 30.000 euros, o do próximo Nadal será un 25 por cento superior e alcanzará os 40.000 euros. Cremos que neste momento a prioridade debe ser outra e que ese diñeiro tería que ser investido noutras cuestións de necesidade como, por exemplo, a Emerxencia Social que tan pouco impórtalles”, opinan.
Para o PP, son uns orzamentos “nada realistas” resultado da “incapacidade de xestión” que este tripartito vén demostrando desde 2019. “É o que queren ocultar ao pobo, a súa ineficacia, quizá por iso o portavoz do PSdeG no pleno só dedicou un minuto para falar dos orzamentos, o resto non se podía contar”, censuran os populares.