Unha das grandes triunfadoras do Benidorm Fest actuará este verán no Vive Nigrán

Unha das grandes triunfadoras do Benidorm Fest estará na sexta edición do festival Vive Nigrán, o vindeiro sábado 16 de xullo. Tras quedar segunda no festival onde se seleccionou a canción que representará a España en Eurovisión, Rigoberta Bandini conseguiu entrar no Top 200 de Global Digital Artists, algo que conseguen poucos artistas españois. O seu tema “Ay, Mamá” convertido en himno e homenaxe a todas as nais e mulleres arrasa en escoitas e descargas en plataformas como Spotify, con máis de sete millóns de escoitas, ou YouTube, onde acumula case seis millóns de visualizacións, posicionando a Rigoberta Bandini como unha das artistas españolas con máis presenza a nivel internacional. Ademais de “Ay, Mamá”, hits como “Perra”, “In Spain We Call It Soledad” ou “Too Many Drugs” soarán en Monte Lourido en Vive Nigrán.

Superado con éxito o reto da anterior edición de 2021, a organización, fiel ao seu espírito, regresa este 2022 coa sexta edición do festival, que novamente se situará a escasos metros de Praia América, o seu incomparable escenario de cada verán no campo de fútbol de Monte Lourido. O festival contará unha vez máis co patrocinio de Vibra Mahou, a plataforma musical de Mahou Cinco Estrellas que busca reivindicar os encontros como algo esencial para vivir mellor, ademais do apoio do Concello de Nigrán. As entradas para o sábado 16 xa se atopan á venda a un prezo inicial de 25 € + gastos a través da web do Festival e de Ataquilla.com. Os abonos tamén están dispoñibles por un prezo inicial de 50 € + gastos.

O fenómeno Rigoberta Bandini é un dos proxectos máis exitosos que xurdiron ultimamente na escena musical española. As súas primeiras cancións fixéronse virais en plena pandemia e agora converteuse nunha das artistas máis desexadas por festivais e programacións con cancións como “In Spain We Call It Soledad”, “Perra” ou “Too Many Drugs”, que conseguiron coarse entre as máis virais de Spotify. As súas cancións cativan á primeira escoita. Letras acedas, irónicas, divertidas, pero nada inocentes e esa aditiva mestura de pop e electrónica levárona a aumentar de forma exponencial o seu número de seguidores e a ser sen dúbida una das artistas do momento. A súa presenza no Benidorm Fest onde quedou en segunda posición catapultouna como fenómeno viral en escoitas e reproducións a nivel internacional, co seu “Ay, Mamá”.

Paula Ribó é a persoa detrás de Rigoberta Bandini. Artista multidisciplinar onde as haxa, a creadora catalá de 30 anos leva cantando desde os seis, compoñendo desde os sete, actriz de dobraxe sendo a voz en español de personaxes como Caillou ou en películas como “A viaxe de Chihiro”. Ademais, publicou unha novela de auto ficción chamada “Vértigo”, estreado as súas pezas teatrais como directora, dramaturga e actriz no Festival Temporada Alta de Xirona ou o Teatre Lliure, entre outros lugares, e atopa inspiración para escribir poesía ata cun concepto como o dunha transferencia bancaria. Pero foi a música que crea e interpreta baixo o seu alter ego Rigoberta Bandini a que a converteu nun dos fenómenos musicais do ano.