A Xunta estudará as propostas de Nigrán relativas ao proxecto de mellora da PO-552

O delegado da Xunta en Vigo, acompañado polo xefe territorial da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, José Luis Díez, e o xefe provincial da AXI, Fausto Núñez, mantivo hoxe un encontro co alcalde de Nigrán, Juan González, e asociacións de veciños deste Concello para explicarlles as inversións previstas polo Goberno galego no termo municipal en materia de seguridade viaria.

En canto ao contido das reunións, o representante da Administración autonómica na área territorial sinalou que se tomou boa nota das “pequenas modificacións” expostas, das que se estudará a súa viabilidade.

A Xunta, no marco da estratexia de eliminación de tramos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas da comarca de Vigo, contempla dúas actuacións de mellora da seguridade viaria na estrada PO-552 ao seu paso polo Concello de Nigrán. Estes proxectos atópanse no procedemento de información pública, que se prolongará ata o vindeiro 7 de marzo.

Nun dos treitos, as obras centraranse case na súa totalidade na mellora das interseccións existentes no tramo situado entre o Pq. 10+600 (acceso á AG-57) e a da Ramallosa (Pq. 12+800) coas estradas PO-340 e PO-325, dado que son os puntos nos que se veñen producindo a maior parte dos accidentes.

Estas actuacións contan cun orzamento de máis de 400.000 euros, que serán aportados polo Goberno galego, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Executaranse cambios de sentido e/ou carrís centrais de espera para facilitar os xiros á esquerda nas interseccións que teñen suficiente visibilidade e reordenaranse noutras que non teñen a visibilidade necesaria para garantir as condicións de seguridade.

No outro tramo, entre Saiáns e a intersección de Priegue, as actuacións centraranse na mellora da glorieta de Saiáns (Pq. 6+800), coa rectificación do ramal no que conflúen as rúas Maestra Emérita e o Camiño Cal de Outeiro, de xeito que este sexa perpendicular á rotonda e se facilite a súa utilización. Ademais acondicionarase a marxe dereita da estrada nos 300 m anteriores coa execución de beirarrúas

Tamén se executará unha glorieta no Pq. 7+640 en As Rexas, na intersección co outro extremo da rúa Maestra Emérita. Esta rotonda permitirá reordenar o xiro nas intersección próxima co Camiño Vello, que actualmente non conta con carril central de espera. Rehabilitarse o firme en varios puntos para mellorar as condicións de adherencia.

O Executivo autonómico achega un investimento duns 650.000 euros para financiar as melloras neste treito.

Eliminación de puntos negros

Estas actuacións están enmarcadas na estratexia do Goberno galego para ter eliminados en 2020 todos os treitos de concentración de accidentes nas estradas autonómicas. Na área de Vigo, a iniciativa contempla 12 obras para suprimir os 18 puntos negros cun investimento que rolda os 5,5 millóns de euros.

A Xunta continúa coa aposta por reforzar a seguridade viaria nas estradas de titularidade autonómica para conseguir o obxectivo de reducir nun 50% as vítimas mortais.

Xunto coas actuacións específicas destinadas a eliminar os treitos de concentración de accidentes, o Goberno galego está a actuar para mellorar a seguridade viaria de Nigrán a través da construción de itinerarios peonís e ciclistas seguros e sostibles.

Así, dentro das actuacións programadas no Plan de sendas de Galicia na comarca de Vigo, no concello de Nigrán se proxectaron tres sendas: unha xa executada na estrada PO-325, na área de Monte Lourido; outra na PO-340, que conectará Gondomar e A Ramallosa; e outro na mesma PO-552, na zona Priegue, complementaria á obra de eliminación do treito de concentración de accidentes.

Estes proxectos supoñen beneficios para as persoas, ao velar pola súa seguridade e tratar de fomentar hábitos máis saudables; as vilas, significando menor conxestión de vehículos en tramos saturados e novos espazos de tránsito; e para o medio natural, garantindo menos contaminación acústica e mellora da calidade do aire, ao reducir a emisión de gas.