O PP de Gondomar interésase polo recheo da canteira de Prado

A comezos deste ano o vocal do Partido Popular de Gondomar na Entidade Local de Morgadáns, José Antonio Ramilo, presentou unha moción para o seu debate no pleno da entidade sobre as obras de recheo da canteira de Penide en Prado, sen que o presidente da Entidade manifestara nada ao respecto e sen facilitar ningún dato.

Ante a falta de información por parte do presidente da Entidade Local, José Antonio Ramilo e outros membros do PP gondomareño, desprazáronse ata o lugar e reuníronse coa empresa que está facendo o soterrado da canteira para solicitarlle información ao respecto, comprobando ao mesmo tempo o traballo final que están realizando agora mesmo, co recheo da canteira e o perfilado dos desniveis que xa están collendo a súa forma definitiva.

“A concesión do recheo da canteira fíxose no ano 2018, para a achega de 130.000 metros cúbicos de terra e o pago da débeda contraída pola anterior concesionaria da canteira. Non foi ata o ano 2020 cando no pleno do oito de outubro se modificou a concesión outorgando un prazo de tres anos prorrogables e o establecemento dun canon de 5.000 euros, que no pleno do 30 de decembro de 2020, foi rebaixado a 3.000 euros anuais”, confirmou José Antonio Ramilo.

Dende a empresa manifestaron que se están facendo os recheos con terras procedentes do polígono do Porto do Molle e suxeitándose estritamente ao proxecto presentado e aprobado tanto pola Xunta de Galicia como pola Entidade Local de Morgadáns.

Os responsables da empresa manifestáronlles tamén, que nestes momentos están rematando o recheo, procedendo ao nivelado, precintado e perfilado das cotas. Durante esta semana teñen previsto botar unha capa de terra negra para deseguido proceder ao sementado de herba para a contención dos balados. En canto o terreo estea totalmente consolidado van proceder ao plantado das árbores previstas no proxecto, deixando un lugar para desfrute de todos os veciños. En canto ás escorrentías das terras recoñeceron que ao non proceder á limpeza das pozas de decantado, coas fortes choivas caídas fixeron que estas bordasen e levasen consigo parte das terras. Aseguran que agora mesmo as pozas están limpas e preparadas para que non volva pasar esta desgraza e pedían desculpas polos problemas que puidesen causar.

En canto á situación das estradas polas que circulan os camións argumentan que cando a Entidade concedeu o permiso xa sabían que para traer estas terras ían pasar moitos camións polas estradas provincial e local.

O vogal do PP na Entidade Local pon de manifesto que a Deputación Provincial de Pontevedra ten en proceso de adxudicación un proxecto para a mellora da estrada provincial EP-2304 Chenlo-Morgadáns, por un importe de 487.867,23 euros, que será executado unha vez quede rematado o aterrado da canteira, e agarda que dende o Concello de Gondomar sigan o mesmo proceder e executen un proxecto para o arranxo da estrada local, esixindo responsabilidades a quen corresponda si legalmente se puidesen reclamar.

“Non entendemos o silencio da Entidade Local de Morgadáns neste asunto que trae de cabeza a moitos veciños, tanto da nosa parroquia como do resto do concello, e solicitamos que o presidente informe cando menos aos membros da Entidade Local, e por suposto, a todos os veciños prexudicados”, remata dicindo José Antonio Ramilo vocal do PP na Entidade.