A Iniciativa Galega pola Memoria apoia a querela arxentina contra os crimes do franquismo

Representantes da Iniciativa Galega pola Memoria (IGM) mantiveron o pasado sábado en Pontevedra un encontro con Chato Galante e Miguel Ángel Gómez, membros da coordinadora estatal de apoio á querela arxentina contra os crimes do franquismo (CeAqua). Galante e Gómez instaron á representación do colectivo a impulsar a adhesión do movemento memorialístico galego ao proceso xudicial, que nas últimas semanas logrou importantes avances dentro do territorio español, pois xa son tres os xulgados que admitiron a trámite denuncias: en Rivas Vaciamadrid, en Valencia e en Madrid. Precisamente foi a querela de Miguel Ángel Gómez “Gus”, como Galante torturado na DGS nos anos 70, a admitida a trámite polo xulgado 49 de Praza de Castilla.

A representación da IGM amosou o seu total respaldo á causa, que considera persegue os mesmos obxectivos polos que foi creada a Iniciativa: verdade, xustiza e reparación para as vítimas do franquismo e as súas familias. A loita contra a impunidade do franquismo debe ser, en opinión do colectivo, prioridade para calquera forza democrática que pretenda gobernar.

Por iso, apoia a loita de CeAqua e insta ás entidades que a integran a amosar o mesmo respaldo, que aínda sendo simbólico podería concretarse no futuro na interposición de querelas por parte de familias, colectivos e concellos galegos, a fin de que se abran investigacións polos delitos de lesa humanidade cometidos no noso territorio ou contra a nosa poboación. A idea é celebrar no mes de abril un encontro coas asociacións que a integran para intentar constituír unha plataforma galega de adhesión á Coordinadora Estatal de Apoio á Querela Arxentina.

CeAqua e IGM explican que, máis alá da postura que poda adoptar a xustiza española, iniciar o proceso é importante non só para rachar coa impunidade senón tamén porque pode ser o primeiro paso para obter amparo en organismos internacionais como o Tribunal de Dereitos Humanos.

Galante ten claro que a lei de Amnistía non pode ser un freo para estes procesos, “porque precisamente para amnistiar a alguén ten que ser previamente condenado. A amnistía sen condena non é amnistía, é impunidade”. Ademais, recalca, “os delitos de lesa humanidade non se poden amnistiar”. De feito, o relator da ONU recolleu que o estado español é o único do mundo que ten unha lei de amnistía con carácter preventivo, e asegurou que o seu proceder ante as vítimas do franquismo é peor que o de Ruanda e Burundi.