
Se hai que falar dun cronista, en Baiona este foi sen dúbida Pepe Costas, tamén coñecido como Pepe “Prais”. Para os que non lle soe este nome seguro que escoitaron de oídas a historia da vaca “Pinta” que saíu no Times. Pois ben, Pepe era o fillo do seu propietario. Durante décadas e cámara en man, fotografou todos e cada un dos momentos máis importantes da Historia recente da vila así como de Nigrán ou Gondomar e moitas das súas crónicas escribiunas para Atlántico, porque o de comunicar levábao no sangue.
Inmortalizou centos de eventos ou concursos nos que ademais adoitaba ser a súa voz, pero tamén sucesos, inauguracións, actos sociais ou políticos de toda índole. Tras o seu recente falecemento, ValmiñorTV traballa na recuperación da súa colección fotográfica e que reflicte dunha ollada algúns dos momentos que marcaron o inicio da Baiona actual e doutros que deron a volta ao país como a primeira das bombas que a organización terrorista ETA puxo en pleno centro, todos eles concentrados no últimos cinco anos do S.XX. A chegada da autoestrada á vila, a construción do actual pavillón de deportes ou os veráns na praia serven para darse conta de que todo era moito máis espartano e en moitos casos a seguridade pasaba a un segundo plano. É precisamente esta formulación onde a despreocupación e a liberdade para estar todo o día na rúa o que fai desta década un momento especial e que en Baiona marcou as pautas da súa configuración actual.
1996: O ANO EN QUE ETA COLOCOU DÚAS BOMBAS EN 3 DÍAS
Un dos sucesos que máis balbordo causou a finais do 90 este foi sen dúbida o momento no que a organización terrorista ETA puxo dúas bombas en pleno verán. A primeira, o 21 de agosto de 1996 foi no parque da Palma. Lonxe de afastarse daquel perigo, moitos baioneses non o dubidaron e acudiron á zona invadidos pola curiosidade formando unha masa de xente considerable. Estaba localizada moi próxima onde hoxe se atopa a Oficina de Turismo e dous días despois, o 23, deuse o aviso doutra situada á entrada do Parador Conde de Gondomar. Oito anos despois, 2004, o suceso volveu repetirse coa colocación doutro artefacto explosivo nun contedor situado nas inmediacións do Porto Deportivo.
CABALGATAS DE REIS DOS ANOS 90
As Cabalgatas de Reis estaban a anos luz das de hoxe, por suposto os leds só existían nos aparellos máis sofisticados e estaban ao alcance duns poucos, aínda que tampouco importaba moito porque en Baiona as únicas luces coas que contaban eran as dos vehículos que tiraban por elas e no seu lugar as grilandas ou figuras de cartolina eran as que levaban todo o protagonismo. Os Corpos de Seguridade nestes eventos reducíanse a un garda e o acoutado do percorrido era unha utopía. Os nenos “atracaban” aos reis Melchor, Gaspar e Baltasar en busca os seus caramelos, algo que hoxe é impensable e que á vez lle dá un encanto especial.
CONSTRUCCION DO PAVILLÓN DE DEPORTES NO ARAL
As instalacións deportivas municipais do Aral chegaron alá por 1996. Inauguráronse un 28 de febreiro e ao acto oficial acudiu Manuel Fraga, por aquel entón presidente da Xunta. A pesar de que o complexo supuxo un avance na práctica deportiva, o actual director de deportes, Javier López, lembra coma se fose onte que o primeiro que tivo que facer nada máis chegar tras superar a oposición foi un informe das deficiencias da construción, que non eran poucas, un mes despois da súa apertura ao público, como as filtracións de auga e humidades. Tamén reflectiu no documento a inexistencia de saídas de emerxencia.
VERÁNS DIFERENTES E XOGOS TRADICIONAIS
A década dos 90 foi unha época que se viviu con moita intensidade, a ausencia das novas tecnoloxías obrigaba aos mozos para saír de sol a sol dándolles unha liberdade e unha independencia que gran parte das novas xeracións descoñecen. As randeeiras nos parques tiñan arestas cortantes, no canto de chans encorchados estaban cubertos de area e un tropezóns podía facilmente deixarche sen xeonllos. En Baiona organizábanse concursos de verán na praia e as tradicionais cucañas atraían a unha cantidade considerable de mozos que trataban de camiñar por un pau cheo de graxa suxeito da cuberta dos pesqueiros no porto.
AS OBRAS DA AUTOESTRADA A FINAIS DOS 90
A chegada da autoestrada foi toda unha revolución en canto a comunicacións refírese, a súa apertura a única maneira de chegar a Baiona era pola “vella”, desde A Guarda ou desde a estrada da Groba pola que se pode chegar ao municipio veciño de Oia. A AG-57 que comunica Puxeiros co Val Miñor finaliza en Baredo, inaugurouse un 24 de maio de 1996 e nun principio contaba con 25 quilómetros de lonxitude, non foi ata ben entrado o ano 2000 cando se abriron as saídas de Baiona e Sabarís. Na actualidade moitos grupos avogan pola supresión das peaxes para que funcione como un cinto da comarca.
A VOZ INCOMBUSTIBLE DE BAIONA

Jose Joaquín Costas ou Pepe “Prais”, foi a alma da festa miñorana desde a década dos 60 e voz de innumerables actos deportivos, o que lle levou a converterse nun referente en todo tipo de citas non só de Baiona. Tamén foi correspondente de Atlántico nos primeiros tempos deste diario. Pepe atrevíase con todo, desde eventos deportivos a cabalgatas pasando polos entroidos ou cucañas que encarnou de viva voz ano tras ano sen deixar de lado a música, outra das súas paixóns. Colaborou en Radio Popular, Cadena 100, Vía Radio, Televigo, Onda Cero Val Miñor ou Galivisión, entre outros.