
A voceira do Partido Popular de Gondomar denuncia a falta de conserxe dedicado no colexio público Serra-Vincios dende comezo de curso. Segundo relata Paula Bouzós, no mes de xullo, unha vez que a comunidade educativa do centro tivo coñecemento de que a praza de conserxe do colexio quedaba vacante, dirixíronse á concelleira de Educación para transmitirlle a súa preocupación pola falta do conserxe, solicitándolle con tempo suficiente a necesidade de contar cunha persoa cualificada para o posto e de vital importancia para o desenvolvemento da actividade no centro educativo.
“A contestación desde o Concello foi que a mediados de outubro quedaría cuberta esta vacante, pero a solución que adoptou foi enviar tres días á semana a tres conserxes diferentes dos colexios de Peitieiros, Donas e Gondomar, que pese ás súas boas predisposicións son descoñecedores das necesidades do colexio e non teñen o tempo suficiente para o arranxo das diferentes avarías que se producen diariamente. Isto obriga a que os membros directivos do centro teñan que deixar de realizar moitas tarefas para explicarlles onde están as ferramentas, coordinando os traballos e moitas veces ter que explicar o mesmo problema a cada conserxe que vai ao centro. A maiores teñen semanas nas que só contan cun día de conserxe, xa que por diversas causas como permisos, enfermidade, necesidade doutros centros, etc. os conserxes non poden acudir ao centro escolar de Vincios”, explica Bouzós.
O pasado 7 de decembro o Consello Escolar dirixiuse novamente ao alcalde para solicitarlle unha solución á falta dun conserxe dedicado ao centro, contestando Ferreira que quedaría solucionado pasadas as vacacións de Nadal. A día de hoxe o colexio segue na mesma situación. “Todos estes feitos descritos provocan multitude de problemas na organización do centro que loxicamente vai en detrimento do funcionamento do colexio. O centro necesita dun conserxe con dedicación, xa que o compartir conserxe con outros centros prexudica a todos. Pedimos ao alcalde que solucione o problema que prexudica o bo funcionamento dos centros educativos”, argumenta Paula Bouzós.