Nigrán inicia as obras para renovar o paseo marítimo de Panxón

O Concello de Nigrán iniciou onte as obras para acondicionar a zona de rodadura do paseo marítimo de Panxón cun investimento de 122.300 € a cargo do Plan Concellos 2020, o que reverterá nunha mellora da seguridade viaria e na propia imaxe da contorna. Os traballos, adxudicados a Construcciones Castro, terán unha duración aproximada de dous meses e consistirán basicamente na substitución do lousado de pedra existente por outro de 15 cm de espesor (13x13x10 cm), un grosor que si o fai resistente ao tráfico rodado.

A actuación comprende toda a zona de circulación (desde o entronque do paseo marítimo coa rúa Mariñeiro á Travesía Ciudad de Vigo, no encontro con Camiño do Regueiro). “Lamentamos as molestias destes primeiros días nos que hai que levantar o firme existente e pedimos paciencia, pero despois diso as obras se realizarán de xeito que non prexudiquen a residentes ou hostaleiros”, explica o alcalde, Juan González, quen incide en que “precisamente se optou por realizar as obras pasado o verán para causar un menor impacto posible”.

“É un tramo que se atopa nun estado calamitoso practicamente desde que se estreou hai décadas, provocando caídas continuas de peóns e malestar veciñal, polo que tras anos e anos realizando parches optamos por dar solución definitiva a este problema mantendo unha estética acorde ao paraxe, polo que optamos por manter pedra en lugar de trocar a aglomerado. Ademais, esta zona é un dos principais escaparates de Nigrán e urxía xa reverter a imaxe negativa”, finaliza o rexedor.