O IES Auga da Laxe busca reducir a ansiedade do alumnado cun programa de meditación-mindfulness

O IES Auga da Laxe de Gondomar pon en marcha un programa de meditación-mindfulness para tentar reducir os niveis de ansiedade entre o alumnado. Ao longo desta semana todo o alumnado de bacharelato realizará nas aulas unha sesión de iniciación á meditación-mindfulness co obxectivo de que adquira ferramentas e estratexias que lle axuden a mellorar a concentración e a capacidade de relaxación e a reducir os niveis de estrés e ansiedade, para así conseguir un maior aproveitamento das clases.

Esta actividade, que será impartida por unha instrutora especializada, forma parte do programa educativo Emocióna-T, que ten como obxectivo desenvolver iniciativas que melloren a educación emocional do alumnado. Haberá tamén unha sesión para o profesorado, coa intención de que acceda a unha formación básica que permita darlle continuidade ao programa nas aulas, tanto en bacharelato como noutros niveis educativos.