Científicos por unhas horas en Gondomar

A pasada fin de semana o Auditorio Municipal Lois Tobío converteuse nun museo científico, organizado pola Concellería de Xuventude de Gondomar co obxectivo de achegar á mocidade a ciencia e estimular o gusto polo saber científico.

Máis de 140 visitantes os días 3, 4 e 5 de novembro fixeron por unhas horas de científicos: aprenderon, experimentaron e espertaron a súa curiosidade pola ciencia e a natureza. Esta iniciativa xurdiu para dar resposta á escaseza de espazos educativos sobre temáticas científicas e tecnolóxicas.

Os participantes puideron ver, explorar, tocar e espertar a súa curiosidade guiados pola man de profesionais que achegaron explicacións sinxelas a preguntas como por que flota un barco?, por que voa un avión?, como se mergulla un submarino?, a comprensión do funcionamento de certos obxectos, etc.

Baixo o lema “Prohibido non tocar”, puxo a disposición dos máis novos un museo científico con máis de 70 obxectos que lles achegaron a ciencia dunha maneira atractiva, interactiva e práctica.

Os resultados tanto de participación como nivel de satisfacción dos participantes foi moi bo e dende o Concello agradecen a gran acollida deste nova iniciativa, polo que tentarán seguir apostando por actividades que constrúan o coñecemento da mocidade.

Anuncios