O CIM de Baiona amplía o horario de atención do servizo de asesoramento xurídico e psicolóxico gratuíto

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona incrementa o horario semanal de asesoramento xurídico e asesoramento psicolóxico do Centro de Información á Muller (CIM). Con esta ampliación no seu horario de tarde espérase mellorar a atención cun mellor servizo ás persoas usuarias. Este servizo atende a un importante número de mulleres cun trato profesional e moitas veces de acompañamento. Así, dentro destas dúas áreas de atención realízanse un importarche número de intervencións de atención baixo cita previa a través do teléfono 986 35 75 54.

As mulleres acoden por diferentes causas pero os problemas máis comúns son a violencia de xénero na contorna familiar, dificultades e reaxustes de parella, rupturas e problemas de carácter afectivo, e trastornos de ánimo por diversas causas. Tamén se atenden casos de problemas con fillos menores ou situacións de acoso e violencia en mozas. O CIM ofrece, de forma gratuíta, asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional, información en materia de recursos sociais, asociacionismo e calquera outra consulta relacionada coa igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

O servizo xurídico préstase, de luns a xoves de 9:00 a 14:00 horas, ampliándose en horario de tarde os venres de 16:30 a 19:30 horas; mentres que o psicolóxico funciona os martes e venres en horario de 9:00 a 13:30 horas, ampliándose en horario de tarde os xoves de 16:30 a 19:30 horas. O centro está aberto de luns a venres de 9:00 a 14:00 horas. A concelleira de Igualdade do Concello de Baiona, Yasmina Moreira Costas, destacou a experiencia e a dedicación das profesionais que desempeñan o seu traballo no CIM de Baiona e a importancia deste servizo para as mulleres en particular e para toda a sociedade en xeral.