Sin categoría

O nigranés Adrián Méndez debutará no Rallye Rías Baixas

Adrián Méndez Otero é un mozo de 23 anos natural de Priegue, Nigrán, que desde moi pequeno sempre tivo claro que os coches eran a súa gran paixón. O fin de semana do 11 e 12 de maio debutará na 52 edición do Rallye Rías Baixas con Diego Rodríguez Louzao como copiloto, da man da Escuadra Galicia Motorsport. Este sábado celebrou a presentación do seu equipo na Estación Marítima de Baiona, con amigos e curiosos, música e petiscos.

O hobby de Adrián vén de lonxe. O seu pai foi mecánico e el gozaba do seu kart, ata que aos 16 anos acudiu a unha xornada de portas abertas no circuíto de Vasco Sameiro en Braga. A partir de aí comezou a traballar na creación de “Race Days”, un club que tiña como fin organizar eventos de motor en circuíto e espazos pechados.

Fíxose cun BMW de gran cilindrada que foi desmontando por completo e dotándoo de melloras con axuda dos seus amigos, máis de 1.000 horas de traballo e miles de euros de investimento. Espera homologalo para continuar no mundo da competición, aínda que “o ideal sería conseguir patrocinios xa que todas as axudas son poucas”.

Mentres, para competir no Rías alugou un BMW 325I E36. Entre licenza, seguro, franquía, mecánicos, rodas e gasolina, a cifra rolda os 6.000 euros para tan só un fin de semana de competición. O novo piloto explicou que o truco non é outro que “aforrar o máximo posible ao longo dun ano para lograr poñer o coche no asfalto”.

Moitos pilotos que non viven diso deciden empezar desta maneira, xa que o aluguer “dá máis facilidades á hora de configurar o coche” e inclúe rodas, gasolina e uns mecánicos familiarizados co modelo en concreto. “Moi poucos poden ter á súa disposición todo o mencionado unha tempada completa”. Aínda que o seu soño sería vivir das competicións, no seu debut acode coa intención de pasar un momento inesquecible.