Manifesto Miñor leva a pleno as escorrentías producidas polos recheos da canteira de Penide-Prado

Manifesto Miñor, recollendo a preocupación de moitos veciños de Prado, Vilas e Morgadáns en xeral, e a súa propia, presentará unha moción sobre os efectos das escorrentías producidas polos recheos da “recuperación” da canteira de Penide-Prado, polas consecuencias que poidan derivarse.

No mes de abril de 2021 dende Manifesto Miñor-En Marea puxeron en coñecemento do Alcalde e da Xefatura Territorial de Pontevedra da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, o que estaba acontecendo cos traballos da suposta recuperación da canteira de Penide-Prado en Morgadáns e, co que a todas luces parecía un recheo sen ningún tipo de control aparente no medio do cal podíanse ver perfectamente entullos e materiais impropios para usar nun lugar tan sensible medioambientalmente falando.

“Por parte do Goberno Municipal deuse a calada por resposta e por parte da devandita Consellería contestaron o 2 de xullo dicindo que había unha autorización vinculada ao permiso de investigación no monte Penide nº2886 (PO/02886)”, recorda Antonio Araújo.

“No Concello de Gondomar temos diferentes experiencias negativas respecto deste tipo de actuacións, como aconteceu en 2009 coas obras de recuperación da canteira do Lapido, tamén en Prado, que provocou a turbidez da auga na traída municipal durante máis de 10 días e a piques estivo de obrigar a pechar a estación de bombeo no Río Touteiras. Pois tanto a canteira do Lapido como a que agora se está a recuperar, as escorrentías das mesmas dan a dous regueiros que acaban no Río de Touteiras onde o Concello de Gondomar ten a captación de auga da traída municipal”, advirte o portavoz de Manifesto Miñor.

“No que vai de outono-inverno, sen grandes trebóns de chuvia, o regueiro que recolle as escorrentías da canteira de Penide baixa coas augas envoltas e turbias debido precisamente ao que nós consideramos unha neglixente execución das obras ou, a un proxecto deficiente das mesmas que nós descoñecemos: falta de balsas de decantación, correcta compactación das terras, etc, e que en todo caso debería estar supervisado polas Administracións responsables: Entidade Local Menor de Morgadáns, Concello de Gondomar e, obviamente pola Xunta de Galicia. Até onde Manifesto Miñor-En Marea sabemos a día de hoxe ninguén se preocupou disto. Oxalá as augas envoltas só leven terra”, conclúe Araújo.

Manifesto Miñor propón ao Pleno da Corporación Municipal acordar facer un seguimento a través dos técnicos municipais, ou doutros con maior especialización na materia e contratados a tal efecto, dos feitos, “dado que estamos a falar da auga pública que bebemos a veciñanza de Gondomar”. Asemade acordar tamén reclamar da Xunta de Galicia, Augas de Galicia ou da propia Consellería de Economía, que procedan a investigar as devanditas obras e tomar medidas ser fora o caso.