Os Reis Magos desafían á choiva para levar a ilusión ao Val Miñor

Os Reis Magos de Oriente percorreron a comarca na tarde deste mércores adaptándose ao contexto sanitario que nestes momentos rexistra uns niveis de contaxios como nunca se viron. Os tres municipios inclináronse por diferentes opcións, desde percorridos sen interrupcións nin caramelos, a postas en escena similares ás de prepandemia aínda que lixeiramente adaptadas ao contexto actual. Todo baixo unha meteoroloxía que castigou por momentos e unhas temperaturas que superaron timidamente os 10 graos.

Tan só Gondomar apostou polo modelo estático posto en práctica en 2021 combinado con visitas por parroquias no mesmo día, o que a converteu na Cabalgata de maior duración do Val Miñor e a que peor o pasou dado o mal tempo que imperou durante toda a mañá. A fin de evitar as aglomeracións de público, Melchor, Gaspar e Baltasar partiron desde primeira hora da mañá en dous Volkswagen Golf MK1 e un Ford Escort V Cabrio para completar un percorrido por todas e cada unha das parroquias da condal cun itinerario que se estendeu durante horas. Por primeira vez os nenos da localidade puideron seguilos a tempo real a través dos seus smartphones vía GPS e esperalos o mínimo posible para recoller os seus caramelos. Pasadas as 18:00 horas chegaron á Praza Paradela onde foron recibidos polo alcalde Paco Ferreira e os concelleiros do goberno local. Alí permaneceron aproximadamente ata as 20:00 horas nunha carpa. Para poder visitalos foi preciso completar un itinerario marcado co fin de minimizar o posible risco de contaxios.

Nigrán optou por recuperar a Cabalgata tradicional aínda que con matices. No canto de permanecer estáticos, As Súas Maxestades fixeron tres roteiros delimitados con descansos de media hora cada un. Partiron da Praza do Concello ás 17:30 horas pola Avenida Rosalía de Castro e proseguiron por rúa Telleiras mentres repartían caramelos desde as tres carrozas. Pouco despois se reagruparon na Ramallosa e percorreron as rúas interiores do mesmo xeito ata o Parque da Feira onde estiveron aproximadamente ata as 19:00 horas. O último dos tramos discorreu por Panxón, desde o Complexo Deportivo de Gaifar ata o Pavillón Municipal Xurxo Otero ata aproximadamente as 20:30 horas.

A de Baiona quizá foi a que máis se asemellou á Cabalgata prepandemia. Se o 2021 permaneceron estáticas no Parque da Palma, en 2022 cumpriron un percorrido con inicio ás 18:00 horas desde Sabarís para acabar nas inmediacións do Parador Conde de Gondomar. Neste caso prescindiron de recepcións, paradas e a tradicional tirada de caramelos, aínda que si con música e animación que correu por conta da Rondalla Helios de Bembrive, La Fiesta Escénica e Spirit. A diferenza de Gondomar as visitas polas parroquias de Belesar, Baredo, Baíña e Santa Cristina de A Ramallosa desenvolvéronse o martes 4 de xaneiro.

Cabalgata de Reis en Baiona


El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Cabalgata de Reis en Gondomar


El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Cabalgata de Reis en Nigrán


El pase de diapositivas requiere JavaScript.