No día de hoxe Paula Bouzós, acompañada por outros membros do Partido Popular de Gondomar, desprazáronse ata a parroquia de Donas para comprobar in situ o problema da falla do sinal de TDT que tanto malestar está causando nos fogares de Gondomar e do Val Miñor.
Os técnicos da empresa Cellnex, encargada das antenas repetidoras do sinal da TDT, explicaron que o problema vén dado polo crecemento dos eucaliptos, propiedade da Comunidade de Montes de Donas, que están preto das antenas que tapan os receptores de sinal, e que nestes días de vento empeoran o problema. Afirman que xa fai varios meses que puxeron en coñecemento este problema tanto á Comunidade de Montes como ao Concello de Gondomar, sen que ninguén fixese nada para o solucionar.
A voceira do Partido Popular de Gondomar púxose en contacto coa Comunidade de Montes de Donas para interesarse pola situación, e estes informaron que o problema xurde porque a instalación está en terreos da Comunidade de Montes pero non existe ningunha autorización nin convenio coa empresa Cellnex para exercer nese lugar a actividade. Afirman que xa se puxeron en contacto co Concello de Gondomar varias veces para que aclaren a situación na que se atopan estas antenas, pero seguen esperando unha resposta, polo que veñen de presentar un escrito por rexistro pedindo ao Concello que aclare cal é a situación destas antenas e que medie neste conflito.
Pola súa banda, Paula Bouzós vén de presentar por rexistro un escrito solicitando do Concello que tome cartas nun asunto que tantos inconvenientes está creando entre a veciñanza, e que se poña en contacto coa empresa Cellnex procurando un achegamento entre esta empresa e a Comunidade de Montes de Donas cara a firma dun convenio que poña fin aos problemas de recepción do sinal da TDT nos fogares dos veciños da comarca.
“O que non é normal é que o Concello xa tivera coñecemento destes problemas hai máis de seis meses e non fixera nada para buscar unha solución”, remata dicindo Paula Bouzós, quen apunta que o arranxo feito esta mañá é provisional, “porque a solución definitiva é que corten os eucaliptos”.







