Dúas persoas foron trasladadas tras producirse un incendio nun piso, en Nigrán. Dito incendio iniciouse por unha pota que quedara ao lume. Ás 18:00 horas de hoxe, un particular realizou unha chamada ao 112 Galicia solicitando a intervención dos profesionais do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 por unha persoa que se queimara. O alertador indicou que ardía un sofá no piso da persoa afectada, polo que dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia informouse aos Bombeiros do Baixo Miño, GES do Val Miñor, Garda Civil de Pontevedra, Policía Local e Protección Civil de Nigrán.
Unha vez no lugar dos feitos, os bombeiros confirmaron que o lume estaba xa extinguido. Segundo explicaron, xunto cos membros do GES, o incendio comezou por unha pota que quedara ao lume, chegando a afectar á campá extractora e a un anaco do sofá, o que provocou que houbese unha gran cantidade de fume dentro da vivenda. Finalmente foi necesario que se trasladasen a dúas persoas, unha por queimaduras causadas polo lume e outra por sufrir ansiedade tralo suceso.

