Baiona inaugura a pista de xeo gratuíta na Praza do Concello

Baiona suma desde esta mañá unha nova atracción do Nadal coa inauguración e apertura ao público da pista de xeo na Praza do Concello, “icona do Nadal na localidade”. O Primeiro Tenente de Alcalde, Óscar Martínez, foi o encargado de inaugurar a instalación. “Nestes tempos duros marcados pola crise sanitaria do COVID19, desde este Concello seguimos apostando pola maxia do Nadal e por iso animamos aos baioneses e baionesas a gozar do encanto destas datas e desta nova atracción do Nadal, que xunto á iluminación, contribuirán a dinamizar a economía local, sempre de forma responsable e cumprindo coas restricións para conter o virus”.

A pista cuberta quedou dispoñible para todo o público maior de seis anos e permanecerá aberta ata o próximo 9 de xaneiro en horario de mañá de 12:00 a 14:00 horas e de tarde de 16:00 a 21:00 horas. Será obrigatorio o uso de máscara no recinto, existirá un aforo máximo e a carpa terá unha ventilación constante. A pista de patinaxe sobre xeo é totalmente gratuíta é unha das grandes novidades do “Bainadal”, a programación deseñada pola Concellería de Cultura de Baiona que programou un completo calendario de actividades para o desfrute dos veciños e veciñas estas datas tan especiais, e tamén co fin de dinamizar o comercio e a economía local.

A pista de xeo únese así ao resto de instalacións do Nadal xa en marcha desde o pasado venres 3 de decembro, cando se produciu o aceso da iluminación, como o poboado do Nadal, a novidade desta edición, e gran bóla 3D de luz na Alameda Carabela Pinta, ou o gran boneco do Nadal instalado na Praza Victoria Cadaval en Sabarís, así como a bolboreta instalada no Parque da Palma, entre outros. Ademais das tradicionais luces e cadenetas que iluminan as rúas e os espazos públicos, o Concello de Baiona tamén decorou con motivos do Nadal a carpa da Praza do Concello que alberga a pista. Así mesmo, as glorietas do municipio locen diferentes figuras que amenizan estes días tan especiais.