A comida solidaria de Jose e Isabel volve ir casa por casa

FOTO: PABLO F. ESTÉVEZ // Jose sentado diante dos agasallos recadados na tapería que leva o seu nome en Prado, Priegue.

Jose e Isabel, un matrimonio de Nigrán que rexenta unha tapería en Prado, son toda unha institución e a súa comida solidaria de Nadal un xesto incondicional que leva celebrándose durante dez anos sen interrupcións. Con todo un malentendido deixounos sen marxe de manobra o que lles obrigou a apurar os prazos ao máximo convertendo o seu xesto desinteresado nunha carreira contrarreloxo, e non precisamente pola falta de alimentos senón máis ben de doce.

Como é habitual o menú componse de cordeiro e gambón pensados inicialmente para un total das 72 persoas que este ano figuran apuntadas na listaxe de Servizos Sociais, aínda que Jose está convencido que o número irá en aumento ata equipararse ao centenar do ano pasado. A Armadora Pereira e o señor Fontán son os responsables dos 85 quilos de comida que achegarán ás familias menos favorecidas da localidade. Pero a diferenza da de 2020 botan en falta sobremesas coas que completar os menús e algún detalle para repartir entre os adultos como manda a súa tradición. “Xoguetes sóbrannos, pero xa non tanto para os de maior idade”, explican. Do mesmo xeito ocorre cos alimentos de sobremesa, xa que ao empezar os preparativos con apenas nove días de marxe aínda non contan coa confirmación dos grandes colaboradores habituais que facilitan as racións de doces como noutras edicións. A pesar de todo e grazas ás achegas de veciños xa reuniron unha pequena cantidade de produtos do Nadal que tamén farán chegar ás casas a través do Concello, que como en 2020 participa encargándose da repartición e dos recipientes de envasado e de cociña.

Hoxe é o momento de adobar os máis de 50 quilos de patas de cordeiro que servirán como prato forte do día 25 de decembro en nin máis nin menos que 15 litros de aceite de oliva, allos, cebolas ou pemento, entre outras especias, e onde deberán de estar dous días “para que a carne saiba”. Ademais poñen en práctica unha serie de trucos para sacarlle o sabor a “bravo”. Xa con todos os preparativos feitos levarán o produto á panadería Yahoma de Sabarís que xa lles confirmou a elaboración dos asados porque aínda que contan cunha cociña industrial, a de Tapería Jose non está preparada para sacar un centenar de racións dunha vez. Finalmente envasarán os pratos e un ano máis faranos chegar en forma de comida de Nadal aos beneficiarios do departamento municipal.