Alumnado de Vigo e Baiona busca erradicar as violencias machistas nos espazos escolares

O día 20 de decembro celebrouse unha xuntanza de equipos de Igualdade que loitan, dende os institutos, contra as violencias machistas. Neste encontro participaron tres centros escolares de Vigo, o Comando Igualdade do IES Alexandre Bóveda, o Equipo Morgana do IES Álvaro Cunqueiro e o Club Diversidade do IES Valadares e un de Baiona, a Aula de Igualdade do IES Primeiro de Marzo. O obxectivo foi compartir e debater actividades e propostas educativas que loitan contra a violencia de xénero desde os espazos escolares.

Nestas xornadas, o alumnado do Ciclo Superior de Animación Sociocultural e Turística do IES Primeiro de Marzo (Baiona), representou a obra de teatro Invisible, con guión orixinal e co obxectivo de visibilizar as violencias de xénero que as mulleres sofren no día a día. A través da voz, o corpo e a narración da historia de Anduriña, unha rapaza de 17 anos, o alumnado busca transmitir que ante a violencia de xénero, é necesario alzar a voz.

Ao rematar o encontro, o alumnado e profesorado de Animación Sociocultural e Turística do IES Primeiro de Marzo participou no programa de radio HistérikasHistórikas da man de Priscila Retamozo.

Este espazo compartido pretende continuar o traballo que dende estes institutos levan anos realizando para concienciar e reivindicar sobre a necesidade de rematar coa violencia de xénero.