O PP de Baiona acusa o tripartito de deixar sós aos auxiliares da Policía Local

O Partido Popular de Baiona denuncia nun comunicado que o goberno local, formado por PSdeG, BNG e Nós, está a cometer unha ilegalidade que, “ademais, supón un perigo real para os veciños”. O persoal da Policía Local de Baiona conta neste momento con catro auxiliares cuxa función é a de complementar ao persoal da comisaría, pero sempre supervisados por, polo menos, un axente en servizo. Con todo, segundo os populares, o tripartito, como mínimo en dúas ocasións nos últimos quince días, deixou sós aos auxiliares durante a quenda de noite. “Ocorreu en plena ponte festiva cando aumenta a poboación e, por tanto, o risco de incidentes. O sábado, 4 de decembro, un só auxiliar atendeu as incidencias nocturnas e, novamente, o mércores 8, cando a responsabilidade da seguridade dos baioneses recaeu novamente en dous auxiliares”.

Veciños que nesas noites necesitaron a axuda da Policía Local manifestaron o seu malestar ao grupo municipal popular, que considera esta decisión do goberno local unha “irresponsabilidade moi grave”. “É evidente que, ante un incidente importante, tanto os propios afectados como tamén os auxiliares estarían completamente desprotexidos porque estes auxiliares aínda non contan coa experiencia suficiente e carecen de autoridade para exercer en solitario. A lei así o impide e obriga aos Concellos a que os auxiliares estean en todo momento acompañados e supervisados por un superior”, lembran desde o PP.

“Por tanto, o tripartito mente cando afirma que Baiona ten servizo nocturno da Policía Local porque moitas desas noites esa quenda só está ocupada por auxiliares e non por algún dos 10 axentes que compoñen o persoal da Xefatura. Novamente, mala xestión e descontrol dun goberno local ao que, a xulgar polas súas actuacións, non lle importa nada a seguridade dos seus veciños e tampouco a protección do persoal da Policía Local”, conclúen os populares.