Arriba a Baiona o Wodnik, un galeón polaco convertido nun barco pirata

Chegou ao Pantalán Cristóbal García Sarmiento (xunto á Carabela Pinta) o barco pirata Wodnik. O baionés Pipo Vilar foi o artífice da parada do barco en terras baionesas. A travesía partiu desde Cádiz, pasou por Palos de la Frontera e arribou no día de onte á vila mariñeira. O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, foi o encargado de dar a benvida á tripulación á Vila de Baiona. Tamén recibiu á Tenente Alcalde de Saint-Malo, Clarisse Béchu, a localidade portuaria da Bretaña francesa punto final da travesía da embarcación.

Vilar fixo entrega ao rexedor baionés dun pergamiño que contiña unha mensaxe do Nadal de felicitación do novo ano e a intención de seguir estreitando os lazos do pobo irmán de Palos de la Frontera. Pola súa banda Gómez Prado agradeceu ao baionés “o traer ata a localidade a embarcación para o goce de todos os veciños”. O rexedor aproveitou a ocasión para convidar á representante institucional francesa á próxima celebración da Festa da Arribada para coñecer de primeira man a celebración por excelencia baionesa, que ligou para sempre a vila coa travesía de Colón a América.

A embarcación é unha réplica do galeón polaco Wodnik do século XVIII, recuperándose en 2010 para a serie “Piratas” de Telecinco, con Pilar Rubio e Óscar Jaenada como protagonistas. Ten 30 metros de eslora, salón, adega e tres cubertas, e estará uns días na Real Vila.