O PP de Gondomar pide unha auditoría interna para aclarar as reclamacións de impostos que está facendo o Concello

Nestes días moitos veciños do concello de Gondomar veñen queixándose de que estaban recibindo requirimentos da Oral polo impago de varios impostos municipais como o de Sumidoiros e Vados. Os veciños quéixanse de que deben de xustificar ante o Concello que os teñen pagados e a meirande parte deles non conservan o recibo de pago, xa que estanse reclamando as anualidades dos anos 2018 e 2019. Segundo o Partido Popular, dende a Oral argumentan que ese organismo o único que fai é tramitar o cobro do listado de morosos que o concello envioulles recentemente, iso si, co preceptivo recargo.

“Polo que manifestan os veciños o problema vén dado polos recibos pagados mediante transferencia e que para o Concello non é doado verificar a que persoa corresponde o pago. Pedimos do Concello de Gondomar que se paralicen os trámites de requirimento destes recibos e que se faga unha auditoría interna ao fin de verificar con claridade os recibos non pagados e que non sexan os veciños os que teñan que xustificar o pago dos mesmos”, apuntan os populares.

O Partido Popular de Gondomar por medio da súa voceira Paula Bouzós, pediu ao alcalde por rexistro que se paralice de inmediato a xestión que está facendo a Oral dos recibos atrasados dos anos 2018 e 2019, ata facer unha auditoría interna para esclarecer de xeito fidedigno as persoas que non abonaron os citados impostos e non reclamar as débedas ata que estean confirmadas fidedignamente.