A Plataforma Gondomar, Fibra Xa! presenta na Xunta 308 reclamacións de veciños e veciñas

No día de hoxe, 10 de decembro de 2021, a Plataforma Gondomar, Fibra Xa! vén de presentar na delegación da Xunta en Vigo unha primeira entrega de 308 reclamacións de veciñas e veciños que manifestan que, como a maioría da poboación de Gondomar que dispón de conexión a Internet, están a pagar por un servizo que non reciben da empresa coa que o teñen contratado. Estas ofrecen unhas prestacións que, de maneira sistemática, incumpren, mais iso non se traduce nun desconto ou abaratamento no recibo mensual que está a pagar.

Por iso RECLAMAN das empresas que cumpran co estipulado nos contratos do servizo e que, mentres non poidan garantilo coa calidade suficiente, procedan a reducir o custe do mesmo en función do que realmente poden prestar, aplicando un desconto na facturación mensual.

Por outro lado, a Plataforma obtén a finais do mes de outubro a confirmación, do propio goberno do Estado, de que o proxecto TSI-061000-2019-108, executado polo operador TELEFÓNICA DE ESPAÑA, S.A., que ten como obxectivo proporcionar cobertura de servizos de velocidade superiores a 100 Mbps, e que no caso de Gondomar contempla 55 zonas brancas, ten como data de finalización prevista decembro de 2021 e que non se lle concedeu ningunha prórroga.

Por esa razón Gondomar, Fibra Xa! insta aos gobernos local, galego e estatal a que realicen as xestións necesarias para que a operadora Movistar cumpra o prazo máximo estabelecido para o despregamento da fibra óptica no concello, que remata o 31 de decembro deste ano, e que daría solución a gran parte das persoas que asinaron unha reclamación, independentemente da compañía coa teñan agora mesmo o contrato.

Así mesmo, a Plataforma esixe aos gobernos do Estado e da Xunta que dean cobertura ás zonas que non están incluídas nos actuais contratos do Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Generación (PEBA-NGA), xa adxudicados a Telefónica de España, S.A. e a R Cable y Telecable de Telecomunicaciones, S.A., de cara a garantir a igualdade de condicións no acceso a unha internet de calidade a toda a veciñanza do concello de Gondomar.