A Escola do hospital Álvaro Cunqueiro estrea humanización

A Aula Hospitalaria de Pediatría do Álvaro Cunqueiro estreou este curso novas instalacións reformadas, dotadas de maior amplitude e servizos. Agora, vén de ser humanizada grazas á intervención decorativa realizada pola pintora e muralista Iria Blanco.

A artista desenvolveu varias actuacións pictóricas tanto nas paredes da Aula como nalgún corredor da Unidade de Hospitalización pediátrica. “O obxectivo era crear un espazo cálido para que os nenos e nenas, os seus familiares e os profesionais desfruten dun entorno de creatividade, con alusións á lectura, música, pintura así como aos animais e natureza, para que relativicen o proceso da súa enfermidade e os acompañe a alegría da Arte durante o seu ingreso hospitalario. Mentres pintaba, varios menores ingresados se achegaron de xeito espontáneo e quixeron participar, o que me permitiu achegarme a eles e observar a maxia do poder terapéutico da pintura”.

O xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente, visitou a Aula e agradeceu a colaboración de Bicos de Papel e do servizo de Mantemento da Concesionaria do Hospital, Veolia Servicios Norte pola seu apoio desinteresado a este proxecto.

Ademais, o xerente confirmou que “ter un espazo máis amable, cálido e adaptado ás necesidades dos nenos hospitalizados e as súas familias, diminúe o seu estrés e favorece as emocións positivas, facilitando tamén as accións terapéuticas e a relación de confianza que se establece co persoal”.

A Aula Hospitalaria conta con dúas profesoras, cuxo traballo consiste en que os menores hospitalizados perdan a menor actividade escolar posible durante o seu ingreso. Para iso, unha das profesoras permanece nas instalacións da aula e atende aos pacientes que poden saír das súas habitacións, mentres a outra atende as necesidades educativas daqueles que por prescrición médica non poden abandonar a habitación. O pasado curso escolar atendeuse a unha media diaria de máis de 20 alumnos e alumnas.