A Xunta elimina un punto de vertedura de augas residuais á desembocadura do río Muíños

A Xunta vén de eliminar un punto de vertedura de augas residuais á desembocadura do río Muíños, no concello de Nigrán. O foco foi identificado polos técnicos do Plan de Control de Verteduras, dependentes de Augas de Galicia, no lugar de Vilameán, na parroquia de Nigrán, no marco das inspeccións rutineiras na rede fluvial do municipio. Os inspectores desprazados á zona identificaron un foco de auga residual sen depurar ao domino público, que orixinaba a afección visual na masa de auga do río Muíños, procedente dun punto de evacuación de augas pluviais.

O persoal de Augas de Galicia puxo esta situación en coñecemento do Concello de Nigrán, efectuándose unha inspección da zona conxuntamente co persoal da empresa concesionaria do servizo municipal de augas. Estas tarefas permitiron localizar a orixe da vertedura de augas residuais na avenida de Praia América, onde se producía unha filtración de augas residuais desde o colector de saneamento municipal cara á rede de augas pluviais.

Nunha nova inspección efectuada á zona polo persoal de Augas de Galicia confirmouse a reparación do colector da rede de saneamento por parte da concesionaria do servizo municipal de augas, o que permitiu o cese da vertedura de augas residuais ao dominio público hidráulico.