Manifesto Miñor pide a creación de dúas novas paradas de bus na Areiña e en Vilaza

Dende a implantación do novo servizo de transporte público na comarca con novas liñas, novos horarios e novos percorridos, en Manifesto Miñor veñen recollendo diferentes queixas de moitas persoas usuarias que entenden que as paradas establecidas non se encontran nos lugares máis axeitados ou, simplemente que non existen onde serían de máis utilidade. Por este motivo presentaron unha moción que será debatida no vindeiro pleno da Corporación Municipal de Gondomar (pois no celebrado esta semana non foi posible facelo por falta de tempo) sobre este asunto tan necesario e que pode axudar á mobilidade de moitos veciños.

En concreto recollen a proposta dos veciños das parroquias de Vilaza e tamén de Parada sobre a necesidade de establecer varias paradas de bus que lle faciliten un acceso cómodo a ese novo servizo de transporte, “pois non ten sentido que o bus que vén de Nigrán e baixa pola Areiña non teña parada nese barrio obrigando ás persoas usuarias a camiñar 2 km ata a Estación de Autobuses na Vila de Gondomar cando lle pasa por diante da porta”, apunta Antonio Araújo. “Despois de pasado un tempo prudencial que xa nos permite saber ou coñecer as carencias da mesma, toca agora comezar a corrixir eses fallos como este do que falamos que lle afecta á veciñanza de Vilaza e Parada”.

En resumo, trátase de habilitar unha parada no cruzamento da Areiña e outro máis abaixo en Vilaza. “Esta foi a proposta que se lle fixo á Corporación Municipal e que non deu tempo a debater, o que non quita que o Goberno Municipal mova ficha. Por iso instamos ao Goberno do Sr. Ferreira a dirixirse á empresa concesionaria (LUGOVE) e á Consellaría de Transporte da Xunta de Galicia para lle solicitar a implantación dunha parada na Areíña e outra en Vilaza, en lugares a estudar que sexan de utilidade e seguridade para as persoas usuarias; e proceder a estudar o resto dos percorridos e a utilidade das paradas existentes e doutras novas que fora necesario implantar”, conclúe Araújo.