Facultativos da Unidade da Dor da Área Sanitaria de Vigo obtiveron un recoñecemento nacional por un estudo sobre a mellor técnica de abordaxe da neuralxia do nervio pudendo. En concreto, o traballo versou sobre o uso de radiofrecuencia pulsada e a mellor forma de abordar esta técnica no paciente. A comunicación sobre o estudo presentouse no recente congreso da Sociedade Española da Dor, celebrado en Bilbao. Alí obtiveron o premio á mellor comunicación oral.
“A neuralxia do pudendo constitúe unha causa de dor perineal moi intensa e incapacitante. Os pacientes adoitan presentar dor, con frecuencia unilateral, na área de inervación do nervio pudendo tanto na zona perianal como nos órganos xenitais femininos e masculinos”, explica Gustavo Illodo, facultativo da Unidade da Dor.
Para tratar a neuralxia do pudendo existen tratamentos farmacolóxicos, rehabilitadores e mesmo cirúrxicos. Con frecuencia, os casos refractarios a estes tratamentos son remitidos ás unidades de dor crónica. Nestes pacientes a radiofrecuencia pulsada (RFP) constitúe unha alternativa terapéutica pouco invasiva e con mínimos efectos secundarios.
Vías de abordaxe da Radiofrecuencia
A radiofrecuencia consiste en aplicar unha voltaxe, mediante un aparello denominado xerador de radiofrecuencia, á punta dunha agulla situada o máis preto posible aos nervios. Esta voltaxe xera un aumento de temperatura ao redor do extremo da agulla que se transmite aos nervios a tratar, provocando un efecto analxésico, sen afectar as capacidades motoras e sensitivas normais do nervio.
Para abordar o nervio pudendo mediante a radiofrecuencia pulsada existen varias vías: transglútea, transforaminal e epidural. “A RFP do nervio pudendo polas tres vías é efectiva e segura para o manexo dos casos de neuralxia, pero a vía epidural pode ser a alternativa máis eficaz cun bo perfil de seguridade e mellores resultados que as outras dúas técnicas”, subliña o doutor Illodo, que realizou o estudo xunto a Laura García Reza, Noelia Rodríguez Castro e Carmen Llams Pernas.
Foi precisamente esa aposta pola vía epidural para o tratamento a que lles fixo merecedores do recoñecemento no congreso nacional, co seu estudo titulado “Cal é a mellor abordaxe para a radiofrecuencia pulsada na neuralxia do pudendo?”.

