O alumnado do CPI Cova Terreña participa nun encontro-debate sobre a violencia de xénero

“Hai saída grazas a ti” é o encontro debate no que participou onte pola tarde o alumnado de 3º da ESO do CPI Cova Terreña. A actividade foi organizada pola Concellería de Igualdade no marco das actuacións ofertadas pola Secretaría Xeral de Igualdade, aos concellos da Rede de entidades locais contra a violencia de xénero, na que está integrado o Concello de Baiona.

Os obxectivos perseguidos pola actividade eran comprender o significado dos termos “violencia de xénero” e “violencia machista”; reflexionar sobre os distintos comportamentos relacionados coa violencia de xénero e machista utilizando a representación do Iceberg; saber como empeza a violencia de xénero e como pode ir ascendendo; coñecer o ciclo da violencia de xénero para comprender por que non sempre resulta doado saír deste tipo de violencia; concienciarse de que a través das redes sociais tamén se exerce a violencia de xénero; e ser conscientes da importancia que teñen as persoas próximas á vítima (amizades, familia, etc.) e como poden axudala.

A primeira parte do encontro foi expositiva por parte da docente para fomentar un feed-back co alumnado participante que permitiu axustar as explicacións ás súas necesidades e intereses. Con esta actividade, indica Yasmina Moreira Costas, “remata un mes cheo de actuacións dirixidas a toda a poboación para sensibilizar e previr a violencia de xénero”.