O BNG critica a deficiente xestión dos residuos en Nigrán

No ano 2015 o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera, puxo en marcha o Plan Revitaliza para axudar aos concellos a xestionar os seus biorresiduos mediante o fomento da compostaxe local. Este plan perseguía colaborar coas entidades locais para tratar de acadar o difícil obxectivo, imposto pola normativa comunitaria, de conseguir que no ano 2020 se reutilizasen o 50% dos residuos municipais. Numerosos gobernos locais como os de Baiona e Gondomar sumáronse a esta iniciativa, á que posteriormente se foron incorporando outros ata chegar na actualidade a estar adheridos ao Plan Revitaliza 47 dos 62 municipios da provincia. Nigrán é un dos 15 e o único do Val Miñor que non o está.

“Os sistemas de xestión do lixo municipal teñen que basearse na separación en orixe e na recollida selectiva de todas as fraccións do lixo, incluída a orgánica, e deben acompañarse de medidas fiscais que contemplen o volume de residuos xerado como unha variable a considerar. Así, a taxa de actividades económicas debera configurarse non só atendendo ao criterio de capacidade económica senón tamén á cantidade de residuos que envorque ao sistema de recollida municipal. Para que os sistemas de recollida selectiva sexan un éxito, hai que facilitarlle á veciñanza a súa aplicación, de aí a importancia dun plan como o Revitaliza que fornece o equipamento necesario para levar a cabo a separación da fracción orgánica, así como a instalación suficiente de colectores doutros residuos especialmente nocivos como os aceites”, apunta o Responsable Local do BNG, Xavier Rodríguez.

“O goberno municipal de Nigrán non ten avanzado practicamente nada neste ámbito. Para tapar o seu erro de non terse sumado á iniciativa provincial e a súa teimosía en non adherirse posteriormente, xustifícano con cativos convenios con algunha institución como Ecoembes que proveu duns cantos composteiros individuais que en nada ten que ver cun sistema completo como o revitaliza con composteiros individuais e colectivos e persoal capacitado para a súa xestión. Neste sentido podemos citar a modo de exemplo como o veciño concello de Gondomar conta con dous Centros de Compostaxe Comunitario e repartiu a través da súa concesionaria de limpeza 183 composteiros individuais e outros 88 a través da Deputación de Pontevedra, para un total de 271 composteiros individuais instalados entre a súa poboación. Resaltar ademais que parte dos restos das podas, un residuo notable na nosa comarca pola gran cantidade de vivenda residencial existente, empréganse como estruturante nos centros de compostaxe comunitario”, destaca Rodríguez.

“En definitiva, rematando o ano 2021, estamos moi lonxe de cumprir coa normativa europea e, como ocorreu coa depuración de augas residuais, tememos que só empezaremos a actuar dilixentemente cando empecen a vir sancións. A única maneira de acadar os obxectivos que marca a lexislación, non xa europea, senón tamén a estatal e galega é separar todas as fraccións dos residuos en orixe”, conclúe o Responsable Local do BNG.