“O tripartito de Baiona impide aos veciños que poidan ver o que sucede nos plenos”

O PP de Baiona lamenta que o goberno tripartito PSdeG, Bng e Nós “estea a esconder información aos veciños porque non lle interesa que saiban a desastrosa xestión que están a levar a cabo desde que entraron no Concello en 2019”, e que segundo os populares aínda se agravou máis coa pandemia do Covid-19. “Proba diso é que, ao contrario do que se fixo e séguese facendo noutros municipios veciños, en Baiona os plenos ordinarios e extraordinarios que mensualmente celebra a corporación local non poden seguirse en directo vía streaming”.

“Tampouco os vídeos están colgados nas plataformas dixitais municipais (YouTube) de forma inmediata, senón que tardan semanas en facelo e, cando finalmente sóbenos, fano cun son defectuoso e con pouco volume para impedir que as intervencións da oposición sexan escoitadas con claridade. Asuntos como a suposta compra sen sentido dos terreos da batería de Cabo Silleiro, a anulación das cinco multas ao alcalde por aparcar en carga e descarga ou, mesmo, o fallo xudicial sobre a humanización da Praza de Victoria Cadaval de Sabarís que destapou o PP en sesión plenaria, están a tratar de ser ocultados aos veciños ao vetar a visualización en directo e a súa posterior emisión con calidade”, apuntan desde o PP.

Segundo os populares, unha situación para a que o tripartito non ten escusa algunha debido a que o Concello conta con persoal especializado en informática e comunicación “que poderían e deberían encargarse de retocar o arquivo audiovisual para que chegue o mellor posible aos baioneses”.

Todo o contrario ao que publicaban en campaña electoral

Unha “opacidade total”, consideran os populares, “que tamén é evidente na web municipal, cuxo portal de transparencia está baleiro”. “Polo que podemos dicir que este goberno local non fixo público nin un só documento relativo ao alcalde e aos seus concelleiros e concelleiras para que os veciños coñezan, por exemplo, algo tan básico como os seus currículos, as súas axendas diarias ou os plans e proxectos que teñen para Baiona. Mentres outros gobernos locais aproveitaron as restricións da pandemia para fortalecer o contacto dixital cos seus veciños e dotar de transparencia o traballo do seu día a día con maior facilidade, este tripartito optou por pechar portas e xanelas, todo o contrario ao que publicaban en campaña electoral, para non ter que dar explicacións ao pobo porque saben que os veciños non llo permitirían”, conclúe o grupo municipal popular.