Nigrán retoma a programación cultural con “Contos para nenos modernos” de Teatro do Ar

O Concello de Nigrán inicia o ano coa estrea de “Contos para nenos modernos” da compañía de Nigrán Teatro do Ar o sábado 2 na Ramallosa (Parque da Feira e, en caso de choiva, no Centro Comercial) e o domingo 3 no paseo de Panxón. O luns 4 será a quenda do pallaso Peter Punk na Praza de Rosalía de Castro de Nigrán. As actuacións, todas ás 17:00 horas, forman parte da bolsa de contratación do Concello para os artistas locais ante a crise económica xerada pola Covid e que afecta duramente ao sector cultural.

Igual filosofía de achegar ás sete parroquias os eventos para non exceder aforos e evitar concentracións levarase a cabo o día 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis, publicándose este sábado os repectivos horarios para cada lugar. Tal e como xa explicaron as Súas Maxestades a través dun vídeo para os nenos e nenas de Nigrán, multiplicarán o seu esforzo grazas, unha vez máis, á colaboración das respectivas entidades veciñais e culturais.

“Máis que nunca, se trata de ofrecer algo de alegría nunhas datas con moito contido emocional e moi importante para a infancia, ao mesmo tempo, queremos apoiar ao sector cultural e de ocio do municipio”, sinala González.