Cinema e teatro esta fin de semana no programa cultural de Gondomar

O Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar converterase esta fin de semana de novo no epicentro das actividades culturais previstas polo Concello. Cinema e teatro que trasladarán ao público a recunchos tan diferentes como Guinea Ecuatorial e Cincinnati e as historias que os seus personaxes desenvolven nela.

Arranca a programación este venres 26 coa proxección da película “Manoliño Nguema”, dirixida por Antonnio Grunfeld, e enmarcada no ciclo de cinema galego que o Concello de Gondomar organiza en colaboración co Cineclub Val Miñor Alice Guy.

O venres a partir das 21:30 horas proxectarase esta película, premiada no Festival de Cinema e Televisión do Reino de León e no Festival de Cinema Africano, que nos presenta a Marcelo Ndong, artista africano de sesenta anos, formado en España, concretamente en Galicia, e que agora dirixe un pequeno viveiro e unha gardería. Como noutras ocasións, debe montar unha obra de teatro que, esta vez, versará sobre a súa vida descubrindo momentos ben curiosos e esclarecedores.

O pano do Auditorio Municipal ábrese de novo o sábado 27, a partir das 21:30 horas, para acoller a representación “Un Vals para Cincinnati”, dirixida por Pedro Rodríguez, e protagonizada por Sheila Figueroa e Carlos Denis. A historia de Ana, unha moza que leva máis dun ano esperando a que regrese a súa parella que a deixou pola guerra. Cando perde a esperanza e está a piques de suicidarse, Jack regresa a casa e con eles o desenvolvemento da función.

Máis info: https://taquilla.concellodegondomar.gal.