O CPI Cova Terreña retoma a formación de mediadores

Tras a pequena tregua que nos está a dar a pandemia, este curso o CPI Cova Terreña de Baiona decidiu retomar a formación de mediadores no centro, un dos piares na resolución pacífica de conflitos na que leva a traballar dende fai máis de quince anos. Nesta convocatoria apuntáronse 8 alumnos e alumnas de educación primaria e outros tantos de educación secundaria. É tal o éxito do curso que tiveron que ampliar unha sesión máis a duración da formación.

“Queremos agradecer ao noso alumnado o interese mostrado cara a esta ferramenta fundamental na convivencia no centro educativo, a Bibiana Camaño, Psicóloga especialista en Psicoloxía social, formadora (con experiencia en ed. Primaria e secundaria), Fundadora de Alicce (formación para a mellora das relacións humanas), Máster en asesoramento e Orientación Familiar pola USC, ao profesorado, Lucía Vilariño, Ana Zamorano, Rosati Gil, Fátima González, Marta Suárez, Eva Vidal, e a María Fernández González, Xefa de estudos de primaria e coordinadora de Convivencia, pola súa implicación neste proxecto”, destaca Isabel Cabaleiro, directora do centro.

Este programa inclúese dentro das actuacións dos Contratos Promaga CPInclúe, na liña Inclúe-T financiado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e o FSE.