
O BNG demanda da Xunta a inclusión de Gondomar no Plan de Trasporte Metropolitano da Área de Vigo, e esixe os descontos da tarxeta metropolitana para toda a súa veciñanza, despois de que, máis unha vez, o goberno do PP deixe fóra este concello. En decembro de 2018, o presidente da Xunta prometeu en Gondomar que a mediados de 2019 a veciñanza de Gondomar gozaría xa da tarxeta metropolitana de transporte e con ela dos descontos nos billetes dos que xa se estaban a beneficiar as e os viaxeiros de Baiona e Nigrán e doutros concellos da área de Vigo.
En febreiro deste ano 2021, o mesmo Feijóo, anunciaba a creación dunha suposta Área Única de Transporte de Galicia, que levaría as vantaxes do transporte metropolitano de xeito universal a todas as persoas usuarias. Incidiu Feijóo en que con esta iniciativa os descontos das áreas metropolitanas de transporte poderían desfrutalos tamén “as persoas que viven nas vilas e aldeas”, e que era unha “aposta pola equidade” para todos os usuarios. Asegurou que na primavera xa estarían asinados os primeiros convenios, até a implantación efectiva en todos os concellos na segunda metade do ano. Esa mesma promesa fora a que, en xaneiro, a Secretaría Xeral da Presidencia lle dera á Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar cando reivindicaba o dereito á tarxeta de transporte metropolitano.
Por outro lado, neste mes de novembro, a Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia trasladou aos concellos que fan parte do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia na Área de Vigo unha proposta de renovación do convenio que entrará en vigor o día 01/01/2022 e que manterá a súa vixencia por dous anos. “Esta renovación vén demostrar que nada hai da suposta área única e que a promesa de Feijóo non era máis que fume”, indica a portavoz do BNG, Manuela Rodríguez.
Mais o grave para Gondomar é que o convenio que o goberno do PP vai asinar, que manterá a continuidade das medidas de fomento do transporte público de viaxeiros no denominado Plan de Trasporte Metropolitano de Galicia na Área de Vigo, “volve deixar fóra ao concello de Gondomar, malia formar parte da área metropolitana de Vigo e que desde febreiro de 2017 teña adoptado o acordo de se adherir ao convenio”, critica Rodríguez.
O BNG de Gondomar vén de presentar unha moción para que o conxunto da Corporación esixa ao goberno da Xunta a incluír Gondomar no Plan de Trasporte Metropolitano de Galicia na Área de Vigo, para a súa veciñanza ter dereito aos descontos da tarxeta de transporte e a todas as vantaxes do transporte metropolitano.