Andaina para conmemorar o 30 aniversario do sendeiro do Galiñeiro, o primeiro homologado de Galicia

O 28 de novembro celebrarase unha andaina para conmemorar o 30 aniversario do PRG-1 Galiñeiro-Vincios-Galiñeiro, o primeiro sendeiro homologado de Galicia. Todas as persoas interesadas están convidadas a participar para o que é preciso inscribirse en www.celtas.net ou no teléfono 986 438 505. Tamén na Comunidade de Montes de Vincios a través do teléfono 986 469 692 ou Whatsapp no 607 060 949. O punto de encontro será o Merendeiro do Monte Galiñeiro ás 9:00 horas. Ao rematar o percorrido haberá un acto con música na Casa Reitoral da CM de Vincios.

En novembro de 1991, o Club Montañeiros Celtas inaugurou o primeiro sendeiro de pequeno percorrido (PR) en colaboración coa Deputación de Pontevedra baixo a denominación de “Plan Provincial de Sendeirismo”. Un grupo de socios do Club Montañeiros Celtas, encabezados por Alejandro Cabaleiro, o seu presidente naquel momento, desprazáronse á zona, estudaron ben o terreo para marcar o sendeiro e comezaron a establecer unha serie de sinalizacións preestablecidas, como xa estaban a ser utilizadas noutros países europeos e que axudarían aos futuros sendeiristas sinalando os cambios de dirección e con marcas brancas e amarelas marcando o correcto camiño a seguir.

Iniciábase así o primeiro dos moitos sendeiros marcados en Galicia para a práctica dunha das actividades máis antigas que se coñecen: camiñar, e que non esixe máis que un sinxelo equipo: botas e unha pequena mochila. A apertura e sinalización destes itinerarios, contemplan unha serie de zonas de interese turístico e montañeiro que poden ser utilizadas por calquera persoa, amante da natureza e do exercicio para gozar do seu tempo de lecer. O proxecto elaborado polo Club Montañeiros Celtas continuou coa inauguración en 1993 do segundo sendeiro PRG-2 Galiñeiro-Monte Aloia-Galiñeiro.

Agora en novembro de 2021, tras 30 anos da inauguración dese primeiro carreiro, o club Montañeiros Celtas “remarcou” de novo o sendeiro PRG-1 Galiñeiro xa que debido á construción da autoestrada do Val Miñor e o gran incendio que sufriu a zona do Monte Galiñeiro hai uns anos, moitas das sinalizacións perdéronse. Nesta nova marcaxe engadiuse unha variante PRG-1.1 que percorre a Fervenza da Freixa e os Muíños de Zamáns, bordeando o encoro.

“O Galiñeiro” a tan só 13 km de Vigo entre as parroquias de Zamáns e Vincios ten unha altitude de 706m. Desde alí pódense contemplar os vales do Fragoso, Miñor e Louro así como a ría de Vigo e Baiona. E na base do monte, o encoro de Zamáns. No seu percorrido pasaremos baixo as paredes da zona de escalada, así como a zona próxima dos impresionantes vestixios rupestres de Auga da Laxe, con importante representación de gravados de espadas, machadas e puñais, destacando a coñecida como Pedra das Procesións. Por todo iso, este sendeiro é unha gran alternativa de lecer para aqueles que queiran practicar “o turismo verde” e percorrelo, a pé por suposto.