A empresa cervexeira artesanal Trisk-Ale/Banda estrea fábrica en Porto do Molle

O Concello de Nigrán gaña desde hoxe unha industria cervexeira local referente da campaña municipal #EuSonDeMercarEnNigrán para o parque empresarial Porto do Molle. Así, os irmáns Andrés e Roberto Toledano, veciños creadores da firma Trisk-Ale que elabora, entre outras, a marca promocional “Nigrán, equilibrio natural”, “Summer Papa” ou “Caravan Larger”, dan un paso máis na súa andaina empresarial para embarcarse en “Banda”, un proxecto máis ambicioso e 100 % “made in Nigrán” que supuxo un investimento de ‪600.000‬ €. O obxectivo é fabricar entre 20 e 25 tipos de cervexas ao ano e asentarse como a bebida de toda a comarca para a partir de aí expandirse ao resto da comunidade.

Os tres alcaldes do Val Miñor e representantes de Zona Franca e o empresariado da comarca acudiron esta mañá á inauguración da nova nave en Porto do Molle (rúa do Labrego, 22, Nave 5 E). Nesta instalación, de máis de 1.100 metros cadrados, poderán pasar de fabricar os 50.000 litros de antes da mudanza a un máximo de 1,5 millóns anuais, centralizando aquí toda a produción (ata agora estaba diseminada por diferentes puntos de toda España). Actualmente traballan catro persoas neste novo proxecto e o obxectivo é ampliar nos vindeiros 2-3 anos a 21 empregados en fábrica para chegar finalmente a 40 postos de traballo. A nave, con horario de atención ao público de luns a venres de 11:30 a 19:30, ten zona de venda directa, de degustación e unha sala para exposicións que se estrea cunha mostra do artista vigués Yayo Quesada. Ademais, regalan o bagazo de cereais resultante da fabricación a todo aquel que se achegue a buscar (é especialmente idóneo para compostaxe e alimentación de animais).

“Estamos moi orgullosos de que dous veciños de Nigrán emprendedores no mundo da cervexa desenvolvan aquí o seu negocio e nunhas instalacións que a día de hoxe son xa unha referencia en toda España”, sinalou o alcalde, Juan González, durante a inauguración na que se degustou a marca “Nigrán, equilibrio natural”. Pola súa banda, Andrés Toledano destacou o “elevadísimo nivel de tecnificación da fábrica, referencia xa en todo o norte peninsular” ao tempo que explicou que a firma Trisk-Ale manterá e reforzará a súa vinculación co mundo da cervexa artesá, mentres que Banda nace para chegar a todo tipo de públicos.

Coincidindo coa inauguración da nova sede, o Concello finalizou hoxe a súa campaña de vídeos #EuSonDeMercarEnNigrán precisamente con esta nova andainda dos irmáns Toledano. “El comercio local lo es todo, es poder trabajar, apoyar y apoyarte en tus vecinos. El tema de la economía circular es importantísimo. Siempre es un gusto poder hacer negocio y desarrollarte en el sitio de donde eres y nosotros hemos tenido la suerte de poder hacerlo aquí”, sinala Andrés neste vídeo.

“Nigrán, Equilibrio Natural”

A firma Trisk-Ale foi a encargada de fabricar no 2019 a cervexa promocional do Concello “Nigrán, equilibrio natural”.

«Nigrán ten equilibrio natural. A hipnótica cor brillante dos solpores ámbar de Monteferro, o son fuxitivo da escuma das ondas rachando embravecidas en Patos ou o fascinante recendo floral ao camiñar por carreiros forestais máxicos. Vivencias ledas e sensacións de agradábel frescor son a esencia desta cervexa, o demais é para descubrir paseniñamente, gozando de cada un dos sorbos que ofrece Nigrán». Así reza a etiqueta da botella. Consecuentemente, e encaixando á perfección nesta descrición, trátase dunha cervexa rubia, con cor dourado claro, vidrada e brillante, escuma crema densa e consistente e aroma a malta equilibrada con lúpulo de carácter floral e cítrico, o que outorga ese retrogusto; ten corpo e o seu paso por boca resulta sedoso e, por elo, fácil de beber; adicionalmente, os sabores a maltas recordan ao pan e o lúpulo outorga un amargor suave con notas a mandarina.

“A elaboración resume o que é Nigrán desde o punto de vista paisaxístico, un municipio onde non hai que elixir entre praia ou montaña para gozar da natureza; e tamén porque contén o carácter dunha localidade hospitalaria onde ninguén se sinte de fóra nin queda excluído”, inciden Andrés e Roberto Toledano.